Observaciones |
|
|
Vintecinco anos de carreira artística converten a Uxía nunha das voces máis populares e valoradas da nosa música. As súas cancións teñen sempre a presenza latente ou explícita da música tradicional. Desde o seu debut con’”Foliada de Marzo’ en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro para as diferentes culturas, un xeito de comunicación entre pobos e xentes. Debnde entón non parou no seu afán por renovar a música tradicional e por aproximala a outras culturas.
O seu último traballo, ‘Eterno Navegar’, é froito da continua busca de novos horizontes desta cantante e compositora. Nel, as raíces galegas conviven cos cantos portugueses e africanos de maneira natural, innovadora e vangardista. O resultado son quince temas cun estilo moi persoal, que percorre as sonoridades atlánticas, fundindo o fado, o alalá ou a morna.
‘Eterno Navegar’ é unha proposta de autora no que conviven letras propias con poemas de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Marica Campo. É un traballo de madurez vital, repleto de sensibilidade, que amosa abertamente a plenitude serena da artista, para quen “a música, a arte e a vida son un todo e, medrar, un eterno navegar”.
En directo, a voz de Uxía e o traballo conxunto dunha banda excepcional formada por Paulo Borges no piano, Santi Cribeiro co acordeón, Xacobe Martinez co contrabaixo, Quiné na batería, Jon Luz co cavaquinho e Rúben Santos co trombón conseguen, ademais, que o directo reflicta a forza que transmiten as cancións deste disco xunto as que soarán algunhas das máis representativas dos seus 25 anos de carreira. |