|
Por iniciativa do grupo Airiños e a parroquia da Nosa Señora da Xunqueira, coa colaboración do Concello, as rúas de Vilagarcía serán este martes o escenario da actuación gratuíta de ata vinte agrupacións para celebrar a denominada “Festa da Música” (Fête de la musique), un evento nado en Francia hai trinta anos e que se desenvolve simultaneamente en diversos países de todo o mundo cada 20 de xuño. En Vilagarcía trátase da segunda edición, que, como no ano pasado, terá o seu reflexo mundial a través da web http://www.fetedelamusique.culture.fr e numerosos foros e blogs relacionados.
Os escenarios escollidos son a praza de Galicia, a praza do Castro, a rúa da Baldosa, a explanada do Auditorio, a rúa Rey Daviña, a praza de Ravella, a da Peixería, as rúas de Arcebispo Lago e Xeneral Pardiñas, a Alameda e a rúa Castelao. En cada un deles, unha bandeirola anunciará que ese é un punto de encontro musical.