Observaciones |
|
|
Bebés de 0 a 3 anos son os destinatarios do Encontro Teatral dos Axóuxeres, un espectáculo promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e que protagonizan unha divertida familia de bonecos. A función teatral conta cun orixinal formato, xa que está pensada para bebés e pretende que tanto as crianzas como os seus pais e irmáns, compartan un bo rato á vez que aprenden a divertirse e relacionarse en galego. Teatro, contos, cancións e bailes compoñen o espectáculo no que público e personaxes interactúan.
As persoaxes
Este ano, Os Axóuxeres veñen da man de novos personaxes, unha divertida familia de monecos que vive encol dunha mesa do dormitorio dun neno. Lúa, a nai da familia, é unha muller nova, alegre e dinámica que traballa como médica. Antón é o marido de Lúa. Un home namorado da natureza que vive o seu traballo de xardineiro con paixón. Iria, con 5 anos, é a filla máis vella de Lúa e de Antón. Gústalle tanto o baile que os pés se lle moven sos cando escoita a música, estea onde estea. Xan é o irmán de Iria, de 4 anos. Encántalle o deporte, sobre todo o salto, de altura ou de lonxitude, tanto lle ten (ás veces ata os mestura). Pelouro, que aínda non fixo o ano, é o pequeno da familia. Todo o sorprende. Pasa o día ao lado do seu amigo Roi. R01- ou Roi, como lle chaman aquí no planeta Terra- é un extraterrestre acabado de chegar. Todo é novo para el e por iso case sempre se equivoca, pero é raro que admita os seus erros. A súa frase favorita: "Xa o sabía". Por último, completa esta orixinal familia, Moncho , un neno amigo de Xan e de Iria. Como xa ten 6 anos, os dous queren ser coma el. |