Observaciones |
|
|
O guitarrista galego, Narf, e o músico e produtor guineano afincado en Portugal, Manecas Costa, compoñen Aló Irmao, a formación que este domingo, 2 de agosto, se presenta en Vilagarcía cun espectáculo que combina as músicas de dous continentes cunha espectacular posta en escena a partir de elementos audiovisuais.
Aló Irmao é o encontro creativo de dous artistas de traxectorias ben distintas que se atoparon nun camerino e sentiron un magnetismo musical inmediato. “Un día temos que facer unha canción”, prometéronse. Daquel primeiro encontro xurdiu un repertorio completo composto a catro mans, a medio camiño entre Compostela e Lisboa. E, despois de máis dun ano traballando xuntos e de varios concertos, chegou por fin unha gravación ao vivo no Teatro Principal de Compostela os pasados 16 e 17 de xuño.
Os camiños artísticos e os seus estilos musicais de Narf e de Manecas Costa son tan diferentes que ao final conflúen nun punto, encaixan de maneira natural. Manecas tiña un camiño andado co público galego e Narf tamén tiña experiencia previa con artistas africanos. “Xa nos primeiros ensaios”, recorda Narf, “saíron cousas bonitas, frases que nos namoraron máis o un do outro. Tocar xuntos ben de xeito inmediato encaixaba, como se tiveramos tocado as músicas cen veces. Realmente hai unha maixa, unha química”.
O concerto de Aló Irmao é un reflexo simbólico do encontro de dous músicos cun talento excepcional. Comezan cos seus éxitos en solitario, explicando quen é Narf, quen é Manecas, e despois explican quen son os dous xuntos. É unha proposta sinxela, baseada nas guitarras, nas palabras e en facer encaixar todas as pezas. |