|
Maxia, música, animación, sardiñas e bebidas varias. Esta é a receita coa que Vilaxoán celebra as súas Revenidas, unha cita ineludible para os que o queiran pasar ben. Será este sábado, dende as 12 da mañá e ata que o corpo aguante. O lugar, o parque de dona Concha e a esplanada do porto pesqueiro.
Organizada, como dende hai seis anos, pola asociación A Repichoca, as Revenidas son un referente da boa gastronomía e a música alternativa. Dende as 12 da mañá haberá actividades de animación de rúa, este ano cunha clara aposta pola maxia: Alas Circo Teatro, Pablo Trasno, Peter Punk e Maxia de Cerca serán os encargados de meter a todo o mundo en danza, o mesmo que a música tradicional de Os Xirifeiros e Os Terribles de Arousa e a contundente animación de Bloquinho Aperta.
A venda de sardiñas e viandas realizarase ás 12,00 e ás 20,00 horas. Despois, polo escenario das Revenidas 2010 pasarán grupos e solistas que non deixarán a ninguén indiferente, dende os franceses Funky Style Brass aos cataláns La Pegatina, pasando polos galegos Leo i Arremecághona e A Tuna Rastafari, para concluír coa presentación pública do Combo Mariñeiro de Vilaxoán, nacido da man da Central Folque e o programa Arousa XXI que promove o Concello.