CONCELLO
O Concello pon a cobro o segundo semestre da taxa da recollida de lixo O Concello de Vilagarcía vén de abrir o período voluntario de pago da taxa municipal de recollida de lixo correspondente ao segundo semestre do ano. O padrón componse de 23.664 recibos mediante os que está prevista a recadación de 1.442.277 euros. O prazo de cobro empezou o 2 de outubro e remata o 4 de decembro, e ás persoas que teñan os recibos domiciliados e non estean subscritas ao plan de pagos personalizado, cargaráselles en conta o 3 de novembro. Aos contribuíntes que non abonen o cargo no período voluntario, esixiráselles o pago mediante a vía de prema coa aplicación dos correspondentes xuros.
21.10.2023.- Dos 23.664 recibos emitidos, a inmensa maioría, un total de 21.170, correspóndense con vivendas e con baixos sen actividade. O segundo grupo máis numeroso, pero a moita distancia, é o relativo a pequeno comercio e despachos, con 810 recibos, actividades que se complementan coas recollidas na ordenanza nos epígrafes de comercio e industria, con 157 recibos máis. No apartado de almacéns/garaxes constan 439 altas, mentres que no de garaxes (particulares e públicos), figuran 316. Nos epígrafes relativos a talleres profesionais e talleres de reparacións (nos que entra un variado grupo de actividades) contabilízanse 605 contribuíntes, e no de rochos e galpóns 108.
Os contribuíntes que non teña domiciliado o recibo deberán dirixirse ás entidades bancarias colaboradoras para realizar o pago (Abanca, BBVA, Banco Pastor, Banco Sabadell, Banco Santader e Caixabank). O trámite tamén se pode facer a través da Oficina Virtual Tributaria coa carta de pago (recibo) que se enviará ao domicilio dos contribuíntes. No caso de perda do devandito documento, os interesados poderán solicitar un duplicado na mesma Oficina Virtual ou nas so servizo de Recadación do Concello en horario de 8.30 a 14.30 horas. Os contribuíntes que queiran domiciliar os seus recibos deberán comunicalo neste mesmo depatamento cunha antelación mínima de 15 días antes da data de cargo en conta.
Plan personalizado de pagos
Ademais, lémbrase que para facilitar aos contribuíntes o pago de taxas e impostos municipais acomodándoo aos prazos que mellor lles conveñan, o Concello de Vilagarcía dispón dun Plan Personalizado de Pagos. Con el, os cidadáns poden dividir a suma total dos seus impostos e taxas municipais a pagar no ano (IBI, lixo, saneamento, circulación) en 11, 6 ou 4 mensualidades, ou mesmo decidir abonalos nun único pago anual, se así lles convén. A adhesión ao Plan Personalizado de Pagos pode solicitarse no Concello antes do 1 de decembro, a efectos de que se comece a aplicar a partir de xaneiro de 2024. Ás persoas que non se acollan a este plan seguirá aplicándoselle o sistema actual e ás que o teñan subscrito, renovaráselles de forma automática se non tramitaron a baixa do mesmo.