CULTURA
O Gato Negro do Carril acolle dende este venres a exposición itinerante sobre os 150 anos do primeiro ferrocarril de Galicia A exposición itinerante sobre os 150 anos do ferrocarril en Galicia chega mañá ao Carril, a estación que en 1873 recibiu o primeiro tren galego, O Compostelano, que partira dende Cornes (entón Concello e hoxe Santiago de Compostela). A mostra, composta por unha vintena de paneis e que procede, precisamente, de Cornes, permanecerá nas instalacións do Gato Negro durante 15 días. Despois seguirá o seu periplo por Padrón e logo, tras outras dúas semanas, polo resto dos concellos polas que pasaba aquel primeiro camiño de ferro da comunidade.
A inauguración da exposición está prevista para as 19:00 horas e contará coa presenza do alcalde e doutros membros da corporación municipal. Despois, ás 19:30, o seu comisario, Carlos Abellán, protagonizará unha charla-coloquio sobre a historia daquela primeira liña e o que ese novo medio de transporte supuxo para O Carril, Vilagarcía e Galicia. Carlos Abellán, presidente da Asociación de Amigos do Ferrocarril de Compostela, foi tamén, durante varios anos, director do Museo do Ferrocarril de Madrid.
A exhibición da mostra no Carril e a conferencia inscríbense nos actos que vén desenvolvendo o Concello para celebrar esa primeira liña ferroviaria en Galicia. O primeiro deles, a semana pasada, foi a reapertura do Mufevi, precisamente na vella estación do Carril.