OBRAS E SERVIZOS
Varela repasa na rúa Pica os 360.000 euros investidos no último ano en obras de saneamento no rural O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o concelleiro de Obras, Lino Mouriño, desprazáronse esta mañá ata a rúa Pica e a travesía Veiga do Mar, en Vilaxoán, para comprobar o estado no que quedaron as vías tras a actuación de mellora do saneamento realizada polo Concello. O rexedor aproveitou a ocasión para destacar as numerosas obras de mellora dos servizos básicos que se levan a cabo e que, “a pesar de non verse, supoñen un importantísimo desembolso para a administración local e moitos beneficios para a cidadanía”. Varela referiuse especialmente ás actuacións executadas en distintas zonas do rural vilagarciá onde, só no último ano, se investiron 360.000 euros en traballos deste tipo.
09.11.2023.- O proxecto executado na rúa Pica e a travesía Veiga do Mar tiña como obxectivo acabar coas inundacións que se rexistraban na zona cando chovía e cos desbordamentos da rede de augas residuais, circunstancias que xeraban grandes molestias á veciñanza e que incluso afectaban ao interior dalgunhas vivendas. O alcalde e o concelleiro tiveron a oportunidade de corroborar con dúas veciñas do lugar a eficacia dos traballos nos que se investiron 34.275 euros e que consistiron na mellora da rede de augas residuais, na instalación dun sistema de recollida de pluviais ben dimensionado e no asfaltado da calzada.
Tamén finalizadas nos últimos meses son as obras do saneamento na rúa Carballido, en Cea (27.900 euros), de mellora da recollida de pluviais na rúa Castiñeiro, en As Bocas (42.775 euros), da ampliación das redes de abastecemento en saneamento na rúa Rianxeiro, en Cornazo (29.200 euros), e as da rúa Castro, en Trabanca Sardiñeira (11.181 euros).
A piques de comezar se atopa a actuación proxectada na rúa Quinteiro, en Trabanca Sardiñeira, cun orzamento de 76.100 euros, e tamén de forma inmediata acometeranse as melloras dos servizos básicos da rúa Galufa, en Cornazo e na avenida das Carolinas, con investimentos de 23.900 e 48.100 euros respectivamente.
Estas dúas últimas obras adxudicaranse na Xunta de Goberno Local do vindeiro luns e financiaranse con fondos propios, a través dos remanentes dos orzamentos municipais de 2022. Neste punto, o alcalde puxo en evidencia a contradición na que entran algúns grupos da oposición “que só falan para criticar e pedir melloras, pero logo non fan máis que poñer obstáculos para impedir que as fagamos e así poder seguir criticándonos para buscar rendemento político, como fixeron ao non apoiar o reparto dos remanentes cando os levamos a Pleno”.
Tamén no centro urbano
Outras das intervencións en materia de mellora das redes de residuais e pluviais que xa foron adxudicadas e que comezarán nos vindeiros días son as que afectarán a tres rúas do centro urbano: a avenida Doutor Tourón e as rúa Castor Sánchez e Juan Francisco Fontán. Entre as tres suman outros 29.000 euros de investimento para continuar mellorando os servizos básicos municipais.