CONCELLO
Sae a licitación por 114.536 euros a instalación fotovoltaica e os cargadores de vehículos eléctricos para os mercados municipais O Concello de Vilagarcia vén de sacar a licitación a obra de instalación dun sistema fotovoltaico para autoconsumo colectivo na Praza de Abastos de Vilagarcía e de colocación de dous puntos de recarga para vehículos eléctricos a emprazar na Praza da Verdura vilagarciá e na Praza de Abastos de Vilaxoán. O proxecto enmarcado no programa “Vilagarcía Viva” ten un custe de 114.536 euros que se financian cos fondos europeos do Next Generation. A medida ten como obxectivo continuar avanzando na modernización dos mercados públicos municipais en base a criterios de sustentabilidade. As empresas dispoñen de prazo ata o 7 de decembro para presentar as súas ofertas e as obras contan cun prazo de execución de 25 días.
17.11.2023.- A execución deste proxecto permitirá ao mercado público de Vilagarcía xerar electricidade para autoabastecer á instalación municipal aproveitando a enerxía solar. A maiores da repercusión económica positiva que terá nas arcas locais ao permitir aforrar na compra de enerxía, a aposta polas enerxías limpas e renovables tamén supón un beneficio para o medio ambiente. Con esta mesma idea serán instalados os dous cargadores para vehículos eléctricos, de xeito que se facilite o uso deste tipo de transporte ecolóxico.
Esta nova actuación enmárcase na estratexia integral que o goberno que preside Alberto Varela está a desenvolver para transformar Vilagarcía nunha cidade máis sostible a través de diversas accións que teñen como obxectivo mellorar as contornas urbanas e a calidade de vida da cidadanía, contribuír a reducir a contaminación e coidar o medio ambiente.