TRÁFICO
O medio Maratón restrinxirá o tráfico este domingo durante tres horas no litoral entre Vilaxoán e O Carril ata o acceso a Trabanca Sardiñeira O litoral de Vilagarcía de Arousa, entre Vilaxoán e O Carril, á altura do cruce de acceso a Trabanca Sardiñeira, acollerá mañá, domingo 24, o II Medio Maratón “Concello de Vilagarcía”, que tamén servirá para dirimir o campionato galego desta disciplina deportiva. Serán preto de 700 atletas, entre federados e afeccionados, e a proba se desenvolverá entre as 10:30 e as 13:00 horas, con saída e chegada na avenida da Mariña, xunto á praza da II República.
23.11.2024. Por este motivo, a Policía Local informa de que haberá restricións de tráfico. Salvo naqueles casos nos que os vehículos teñan ser retirados do circuíto pola Policía Local e voluntarios da organización, a entrada e saída de garaxes e incorporacións de vehículos estacionados estará restrinxida/prohibida e a circulación desviada.
O percorrido afectado por estas restricións será o seguinte: Avda. da Mariña, Elpidio Villaverde, Rosalía de Castro (desde o cruzamento do Ramal ata a confluencia coa Avda. dos Anxos –acceso a Trabanca Sardiñeira), Rivero de Aguilar, Valle Inclán, Victor Pita, Avelina Nogueira e Preguntoiro.
Con todo, advírtese que os horarios poden sufrir lixeiras variacións. As rúas abriranse ao tráfico en canto sexa posible. O Concello e a Federación Galega de Atletismo, organizadores do evento, piden desculpas polas molestias causadas e solicitan a maior colaboración e comprensión daqueles que se vexan máis directamente afectados polas limitacións do tránsito de vehículos, nunha proba que reunirá a atletas procedentes de toda Galicia.