OBRAS E SERVIZOS
O concello iniciará en xaneiro, tras as festas do Nadal, a instalación de 19 redutores de velocidade nas estradas rurais A Xunta de Goberno Local acaba de adxudicar á empresa Marconsa a realización da nova fase de instalación de redutores de velocidade na extensa rede de camiños e rúas rurais. O investimento será de 48.300 euros e a execución, que precisará de apenas dous meses, comezará en xaneiro, unha vez pasadas as festas do Nadal. Na maioría das dezanove actuacións previstas, a decisión do goberno responde a peticións veciñais e previo informe da Policía Local. Instalaranse dende "lombos de asno" ata pasos de peóns elevados, coa correspondente sinalización horizontal e vertical. A oficina técnica xa ten practicamente listo o plan para o ano 2025, con proxectos a desenvolver en Rubiáns, Cornazo, Trabanca Badiña, A Rosaleda-Sobradelo e Cea.
06.12.2024. Na fase que arrancará en xaneiro está incluída a solución á rúa Extramuros do Carril, de xeito que se conciliará a seguridade vial coas necesidades dun supermercado para as labores de carga e descarga e as do servizo de recollida de lixo, que polas características técnicas do camión esixe que os contedores estean no sentido da marcha. Un paso elevado permitirá conxugar e solucionar as tres problemáticas.
O resto das actuacións están programadas en viais netamente rurais. É o caso das rúas Galufa e A Veiga, en Cornazo, con varios lombos en cada unha, respondendo así ao compromiso adquirido polo alcalde cos representantes veciñais. Ademais, intervirase nas rúas Sobreira (O Rial), Arealonga e Canteira (A Laxe), Escola de Solobeira, Xesteira (Sobradelo), Pedral (Rubiáns), Ferrocarril e 1º de Maio (ambas en Trabanca Badiña).
A implementación de redutores de velocidade na rede viaria das zonas rurais e periurbanas forman parte dun plan máis amplo de investimentos nestas zonas, o que significa renovación de servizos (auga, saneamento e alumado), rozados das beiravías e asfaltados.