CONCELLO
O pleno de decembro adiántase ao luns 23 para facilitar así a entrada en vigor das ordenanzas fiscais en xaneiro O pleno ordinario de decembro celebrarase non o xoves 26, como sería o habitual -para todo o ano, o último xoves de cada mes, ás cinco da tarde- senón o luns 23, pola mañá. En calquera caso, o 23 tería que celebrarse unha sesión extraordinaria coa finalidade de resolver as alegacións que se presentaron ás ordenanzas fiscais e corrixir un erro detectado nas mesmas. O acordo permitirá que as normas queden aprobadas definitivamente e, polo tanto, a súa publicación no boletín da provincia antes de que remate o ano, o que garantirá a súa vixencia durante o ano 2025.
12.12.2024. A decisión do alcalde de adiantar o pleno ordinario do 26 ao 23 está avaliada polo artigo 4 do Regulamento Orgánico do Pleno, que no seu apartado "c" di: "A alcaldía, por propia iniciativa ou a petición da xunta de voceiros, poderá variar por circunstancias excepcionais e xustificadas o día de celebración dalgunha sesión ordinaria, apartándose o menos posible do acordado polo pleno, comunicándoo aos interesados e publicándoo no taboleiro de anuncios coa maior antelación posible". Ao fundir as dúas sesións nunha soa, o concello afórrase o pago de asistencias dos concelleiros a unha sesión.
Como se sabe, este ano foi necesario revisar algunhas taxas e impostos que, na maioría dos casos, en nada afectará á xeneralidade dos veciños, pois trátase dos BICEs (bens e inmobles de características especiais, basicamente os que existen no porto); do ICIO (o imposto de construcións, instalacións e obras, que non se tocaba dende 2015 e segue estando moi por debaixo doutros concellos similares) e do IAE (imposto de actividades económicas), que só se aplica ás empresas que facturan máis dun millón de euros ao ano.
A suba que si afectará á veciñanza directamente é a da limpeza e recollida de lixo, a causa da nova normativa europea e do alza do canon de Sogama. Así, o recibo medio dunha vivenda pasará de 53,3 euros por semestre a 64,78. Con todo, eses 12 euros de diferencia poden verse notablemente reducidos se o usuario demostra a súa participación nos programas de reciclado.
Malia as modificacións nas ordenanzas, a presión fiscal en Vilagarcía de Arousa está sensiblemente por debaixo da media estatal no mesmo rango de municipios de 20.000 a 50.000 habitantes. A media é de 656,48 euros fronte aos 470,90 de Vilagarcía, segundo os datos do propio Ministerio de Facenda.