|Exposición fotográfica: A Brincadeira e o Urban VGA
Fecha Inicio
|30/10/2009
Fecha Fin
|30/11/2009
Horario
|09:00
Lugar
|Auditorio
Precio
|Entrada libre
Observaciones
|
Os momentos máis espectaculares e intensos vividos durante a celebración da Brincadeira e do Urban VGA o pasado mes de agosto poderán revivirse a través da exposición fotográfica que a Concellería de Xuventude organiza en colaboración cos colectivos de mozos e mozas que participaron nos eventos e que poderá visitarse no hall do Auditorio.
Ó redor de cincuenta fotografías en formato A3 captan as máis sorprendentes acrobacias dos skaters e as realizadas nas ramplas do Cavadelo polos afeccionados á BMX e que demostran a pericia dos mozos e mozas que practican estes deportes integrados na denominada cultura urbana. As imaxes tamén farán un repaso polo traballo realizado polos grafiteiros, así como polos concertos e as restantes actividades que se desenvolveron durante as dúas xornadas do festival da Brincadeira e o Urban VGA.
A meirande parte das instantáneas que compoñen a mostra foron tomadas polos mozas e mozos que participaron no concurso fotográfico realizado dentro do propio festival. Outras foron cedidas para a ocasión por Mulas Producións, a productora que colaborou na organización do evento.
Con esta mostra, a concellería que dirixe Ana Lorenzo pretende poñer o colofón á programación desenvolvida durante o verán en torno á cultura urbana e a todas as disciplinas e xeitos de expresión artística que engloba un movemento socio cultural do que participa un bo número da mocidade vilagarciá. Estes mozos veñen colaborando de xeito continuado co departamento municipal á hora de propoñer actividades e coorganizar eventos para os cales a Concellería pon a súa infraestrutura dentro do obxectivo que persegue de ofertar actividades para a xuventude do municipio.