|
Guadi Galego devece pola música tradicional galega. As súas cancións teñen ese sabor vello e novo a un tempo.
Sempre será recordada por ser a primeira vocalista de Berrogüetto, grupo co que permañeceu durante unha década sendo ademais pianista e gaiteira. Dende entón ten participado en proxectos musicais tan interesantes como Nordestin@s ou Espido.
Nas cancións do seu primeiro disco en solitario, ‘Benzón’, Guadi Galego revitaliza e perpetúa cunha visión contemporánea o noso rico e fermoso acervo popular. A inspiración e beleza dos arranxos veu dada quizais, polo amor profundo que profesan á nosa música e tamén ao traballo rigoroso de Guadi neste campo onde aínda hai tanto que arar.
Como di dela, a súa compañeira e amiga Uxía, “nesta morena de Cedeira trae canda ela o recendo salgado dos portos do norte e a brisa fresca do talento mariñeiro prendido da súa voz. Na súa leira medran barcos vellos, utopías, folliñas de alecrín, o eco dos nosos antergos e unha fonte de melodías e palabras que nunca seca”.