|
Tres anos despois de expoñer os seus “Laios da memoria” na sala de exposicións do auditorio, a artista de Catoira María Casal volve a Vilagarcía para amosarnos a evolución da súa obra baixo o suxerinte título de “O bosque das fadas”. Ata finais de agosto, na Sala Rivas Briones poderá contemplarse unha mostra da que Camilo Franco ten escrito: “Poñámonos, logo, fronte á pintura de María Casal e xoguemos ese partido de non crer e mirar para entender. Primeiro de todo comprobemos unha das grandes máximas da cultura: fagamos o que fagamos, falemos do falemos, todo é retrato. Todo fala de nós. Saber o que di podería ser un oficio. Como taxista, por exemplo. Pero tamén é unha posibilidade. Unha porta aberta a un espazo no que podemos tomar o camiño que queiramos. Porque unha das vantaxes da pintura tal como a interpreta María Casal é que podemos ver nela unhas cousas ou outras. Non porque a pintura cambie. Porque cambia a xente que se asoma a ela. Como espellos: fan sempre o mesmo pero os retratos son diferentes”.