Observaciones |
|
|
A pintora e gravadora Lola Solla (Pontevedra, 1959) expón as súas últimas creacións na Sala Rivas Briones ata o 26 de febreiro. Diplomada en EXB e licenciada en Belas Artes en 1995, Lola Solla ten tras de si xa un extenso currículo, despois de expoñer en numerosas galerías e salas de España.
A idea de fragmento esta presente no desenvolvemento da súa pintura e caracteriza os aspectos formais dos seus cadros, onde hai unha busca, un xeito de asumir o azar, un reordenamento e encontro coa imaxe -sempre orgánica-, que prevalece como unha constante no seu traballo.
Na obra da creadora pontevedresa, a pintura e o gravado transgreden os seus límites máis convencionais. As formas, na súa orixe de partida, reconstrúense en fragmentos e se reinterpretan doutro xeito para afastarse do motivo inicial, que adquire certa autonomía respecto á imaxe da orixe. Unha imaxe orixina fragmentos que, á súa vez, dan lugar a outras imaxes. Hai un empeño en non facer físicas as imaxes, senón en deixalas ver, buscar un modo de mirar dominado polos matices, sen excesos, prescindindo da solidez e da espesura da pintura, dos límites do cadro, e buscando efectos nunca excesivos senón máis ben matizados, leves, no xeito de asumir o azar.
|