Observaciones |
|
|
O Auditorio de Vilagarcía acollerá entre os meses de outubro e decembro as sete obras que compoñen o Ciclo de Outono de Teatro Galego, iniciativa que trae ó municipio vilagarciá sete das montaxes que máis premios e representacións teñen acadado neste 2010 da man das mellores compañías galegas de teatro.
A máis veterana das compañías de marionetas de Galicia, Os Monicreques de Kukas, estreará no auditorio de Vilagarcía a súa nova montaxe, “Andainas dun Monicreque”, na que relata as aventuras dun boneco que quere converterse en protagonista dunha representación teatral.
“Andainas dun Monicreque” é a visión do proceso teatral e da súa relación co manipulador ou animador dende o punto de vista da marioneta, o que serve de pretexto para afondar e amosar dun xeito sinxelo e divertido o mundo do teatro por dentro, todo o que sucede entre bambalinas dende que xorde a idea de crear un espectáculo teatral ata a caída do pano ó rematar a representación.
Todo elo representado en clave de humor e conxugando o traballo dos actores coa animación dos monicreques, humanizándoos para resaltar as dificultades que xorden no traballo de animación e construción de marionetas, pero que ó ser tratados dende o punto de vista do monicreque permite crear un espectáculo disparatado, divertido e dunha tenra sutileza.
Ademais este pretexto nos permite afondar no traballo de investigación en prototipos e formas que nos serven para desenrolar unha coidada e exquisita manipulación dos monicreques, xunto ao traballo vocal e a pantomima.
O argumento da obra desenvólvese no taller dun titiriteiro no que se está a preparar a posta en escena dunha nova obra de teatro, e para elo hai que facer probas para axustar o reparto definitivo. O titiriteiro vai probando a diferentes tipos de marionetas cada unha máis disparatada e excéntrica ata reparar no Monicreque, protagonista da súa obra final. A obra conta ademais con algúns chiscos que supoñen unha homenaxe a anteriores montaxes da propia compañía. |