SANIDADE
Sanidade levanta a restrición do baño na Compostela tralas contranálises A Consellería de Sanidade decidiu levantar a restrición de baño na praia da Compostela, despois de que as contranálises dixeran que os niveis de e-colis están moi por debaixo do que permite a Lei.
30.06.2018.- Segundo as mostras recollidas o luns, o nivel de e-colis na Compostela, non na Concha, eran de 1.100 NMP/100 ml. As contranálises dixeron dous días despois que son de 10 NMP/100 ml, polo que a Consellería comunicou ao concello que deixaba sen efecto a alerta, polo que inmediatamente foron retirados os carteis que indicaban que non se recomendaba o baño.
A efectos de control sanitario, A Concha é unha praia e a Compostela, outra. Nin a Concha, nin a de Canelas, como se chegou a publicar, estiveron pechadas ao baño. A Compostela foi a que dou positivo, pero aos dous días xa pasara o episodio de contaminación, cuxas causas non puideron ser determinadas despois dunha exhaustiva revisión de todas as canalizacións ao longo do paseo marítimo.