EMPREGO
O novo obradoiro de emprego de Vilagarcía formará a 20 desempregados en carpintería e promoción turística O Concello de Vilagarcía porá en marcha este outono unha nova edición do Obradoiro de Emprego FORME, destinado á formación e mellora da empregabilidade de desempregados de 18 anos en diante. Nesta ocasión desenvolverase un módulo de Carpintería e moble e outro de Promoción turística e información ao visitante, en cada un dos cales poderán formarse 10 alumnos. O obradoiro, que inclúe formación teórica e práctica laboral, terá unha duración de 9 meses nos cales os alumnos disporán dun contrato remunerado. Como novidade deste ano, no que se implanta o obradoiro dual, os alumnos que superen satisfactoriamente a formación, poderán realizar prácticas en empresas da zona durante outros 3 meses.
07.09.2018.- O Concello porá en marcha nos próximos días o procedemento para a selección dos participantes no obradoiro. A selección dos aspirantes farase a través do Servizo Público de Emprego (antigo INEM), razón pola cal os interesados que cumpran o perfil e os requisitos que marca a Xunta, deberán estar dados de altos nas listas de demandantes de emprego e indicar no mesmo servizo seu interese en participar no obradoiro.
Cada módulo contará con 10 alumnos. Na especialidade de carpintería e moble, ademais da formación, o alumnado fará prácticas laborais realizando para o Concello diversas obras de utilidade social e colectiva. No caso da especialidade de carpintería e moble consistirán na elaboración e mantemento de mobiliario para a revalorización dos espazos públicos naturais e urbanos en instalacións de titularidade municipal. E no caso do módulo de Promoción turística local e información ao visitante, o alumnado fará prácticas para a administración local centradas na promoción turística do Concello, centrándose especialmente na posta en valor dos recursos naturais e patrimoniais do municipio en xeral e facendo fincapé na ruta marítimo fluvial do Camiño de Santiago e na ruta de peregrinaxe do Padre Sarmiento.
Implicación dos sector empresarial local
A novidade do FORME 18 é que por primeira vez se implanta a fórmula de obradoiro dual que, ademais de combinar a formación coa experiencia laboral de desempregados, implica ás empresas locais na posterior contratación do alumnado ao remate da etapa formativa. A Área de Emprego da Concellería de Promoción Económica conta xa con 20 compromisos para contratar durante 3 meses aos alumnos, unha vez rematen os 9 meses de formación no obradoiro. Para incentivar a colaboración, contouse dende o primeiro momento coa iniciativa privada, adaptando os plans formativos ás necesidades profesionais indicadas polos propios empresarios.
Certificados de profesionalidade
O módulo de Carpintería e Moble supón a obtención do Certificado de profesionalidade de Nivel 1, e o de Promoción turística local e información ao visitante, o de Nivel 3.