CONCELLO
Varela pide ao conselleiro de Política Social que axilice a dotación de equipamentos da Escola Infantil de Vilaxoán O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela solicitou ao conselleiro de Política Social a axilización do trámite para concretar a dotación de equipamento e mobiliario para a Escola Infantil de Vilaxoán, que se atopa na última fase de construción. A petición realizouna o rexedor local no transcurso da entrevista que mantivo este mediodía en Santiago con Xosé Manuel Rey Varela.
11.09.2018.- Como se sabe, o Concello de Vilagarcía está a construír a que será a terceira escola infantil pública do municipio, unha obra na que a administración local investiu 589.000 euros para a construción do edificio, suma que financiou a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación. Tras as xestións realizadas polo goberno local, a consellería confirmou xa hai tempo que o centro se integraría na Rede Galega de Escolas Infantís que xestiona o Consorcio Público de Servizos de Igualdade e Benestar. Ademais, e tras a reunión mantida co xerente do Consorcio, tamén se acordou que o ente público asumiría a meirande parte o investimento da dotación de equipamento e mobiliario para a posta en marcha do centro.
Para ir pechando temas e adiantando trámites, o alcalde pediu ao conselleiro que trate de axilizar a reunión que o Concello ten solicitada dende o mes de xullo co xerente do Consorcio co fin de concretar definitivamente a adquisición do material, de xeito que estea dispoñible para amoblar e dotar a escola infantil tan pronto como remate a obra, de xeito que o servizo poida empezar a prestarse sen máis dilación. O titular de Política Social da Xunta comprometeuse a xestionar esta entrevista co Consorcio.
Na reunión, o rexedor e o conselleiro tamén abordaron as actuacións que ambas administracións pretenden poñer en marcha para tratar de erradicar o chabolismo en Vilagarcía, en concreto o relacionado cos poboados xitanos. Aínda que xa se anunciara a colaboración da Xunta de Galicia nesta iniciativa, o conselleiro informou ao alcalde da convocatoria de subvencións ás que concorre Vilagarcía para a contratación dun educador social destinado en exclusiva cos habitantes destes poboados a efectos de sensibilizalos e traballar con eles en hábitos tendentes a súa integración social. Este é un paso previo imprescindible e necesario para rematar cos asentamentos de infravivendas nos que malviven e cunha problemática que afecta tamén aos habitantes das zonas veciñas.
A maiores da colaboración que manterán Concello e Xunta para abordar este tema, Varela e Rey tamén coincidiron na necesidade de implicar nestas iniciativas a outros colectivos e entidades de carácter social que xa están traballando cos habitantes destes poboados, como por exemplo Cáritas, que desenvolve programas coa poboación de etnia xitana dende hai anos.