CONCELLO
Vinte vilagarciáns foron contratados por empresas grazas ás axudas ofertadas polo Concello Vinte veciños de Vilagarcía, cinco máis que o ano anterior, accederon en 2018 a un contrato laboral en empresas da comarca do Salnés e Ullán ou consolidaron o seu posto de traballo grazas ás axudas á contratación concedidas polo Concello de Vilagarcía. A suma total das subvencións concedidas pola Concellería de Promoción Económica e Emprego ascenderon a 50.000 euros que se distribuíron entre os novos contratos con axudas de entre 1.000 e 3.000 euros. Esta liña de axudas é unha das accións postas en marcha polo executivo que preside Alberto Varela para tratar de promover a creación de emprego e reducir os índices de paro en Vilagarcia.
110.12.2018.- Ás axudas á contratación están tendo unha excelente acollida por parte das empresas de Vilagarcía e a súa contorna, como demostran a evolución das mesmas nos tres anos que levan en marcha. En 2016 foron 11 os contratos subvencionados, que pasaron a 15 en 2017 e que este ano se elevaron a 20. Isto foi posible grazas ao progresivo incremento dos recursos destinados pola concellería que dirixe Juan Antonio Pérez Callón: dos 26.000 euros repartidos en axudas desta liña en 2016, pasouse aos 34.250 en 2017 e de aí aos 50.000 do ano en curso.
Esta evolución avala o resultado positivo da medida posta en marcha polo goberno socialista co obxecto de favorecer a creación de novos empregos e a acabar coa eventualidade dos existentes a través de incentivos económicos á iniciativa privada. A suma individual das subvencións concedidas variou en función de cada contrato, oscilou entre os 1.000 e os 3.000 euros, sendo a media de 2.500 euros. de feito, nove dos vinte contratos subvencionados obtiveron a máxima axuda prevista nas bases, a de 3.000 euros.
Grazas a esta medida, 20 traballadores empadroados en Vilagarcía conseguiron emprego ou renovaron o seu posto con maior estabilidade conseguindo contratos a tempo completo cunha duración mínima de 6 meses en empresas radicadas nas comarcas do Salnés e Caldas.