XUVENTUDE
Xuventude oferta 90 prazas para o campamento urbano de verán para nenos de 3 a 7 anos A Concellería de Xuventude vén de convocar unha nova edición dos Campamentos Urbanos de Verán, o programa socio educativo e de conciliación familiar que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto. Ofértanse 90 prazas para nenos e nenas que naceran entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2015. Co obxecto de cumprir na súa totalidade o obxectivo de conciliación para o que foi concibido e para adaptalo ao máximo ás necesidades das familias, os Campamentos volverán a contar cos servizos optativos de comedor e Plan Madruga. O prazo de inscrición vai do 11 de marzo ao 5 de abril.
09.03.2019.- Por tratarse dun programa que busca facilitar a conciliación laboral das familias, só poderán acceder ao mesmo as unidades familiares cuxos proxenitores (ou proxenitor en caso de familias monoparentais) estean traballando o cursando formación regrada no mesmo horario no que se desenvolve o servizo municipal.
O Campamento de Verán está destinado a nenos e nenas empadroados en Vilagarcía, aínda que este ano ábrese á participación de cativos que non estean empadroados, sempre que os proxenitores documenten que desempenan a súa actividade laboral no termo municipal de Vilagarcía .
O programa funcionará de luns a venres os meses de xullo e agosto nas dependencias dun centro educativo do municipio. Os campamentos terán un horario de 9 a 14 horas e o comedor de 14 a 15 horas. O horario de entrada será de 9 a 9.30 e a saída efectuarase entre as 13.30 e as 14 horas, de xeito que cada familia poida acomodar mellor os seus horarios laborais aos de levar e recoller aos cativos. Ademais, as familias que o precisen poderán deixar aos nenos unha hora antes na modalidade do Plan Madruga que comezará ás 8 da mañá.
Co obxecto de que as familias poidan axustar o mellor posible as súas obrigas e vacacións laborais co período vacacional dos escolares, poderán optar por acudir aos campamentos os dous meses, só un mes, ou elixir por quincenas. A cota a pagar é proporcional ao período. Tanto o Plan Madruga como o Comedor son servizos complementarios optativos.
Cotas, bonificacións e descontos ata a gratuidade
Co obxectivo de que poidan acceder ao servizo todas as familias que o precisen independentemente da súa situación económica, establécese unha baremación en función de criterios socio laborais e de renda. A cota xeral por asistencia aos campamentos é de 180 euros polos dous meses, 90 por un e 45 por quincena, establecéndose bonificacións en función da renda per cápita mensual familiar referida ao IPREM. Os descontos poden ser do 50% e ata do 100% para as familias cuxos ingresos sexa inferiores ao 80% deste nivel, ás que lles sairía gratis o servizo.
Ademais, existen descontos dun 20% por familia numerosa ou monoparental e tamén nos casos nos que participen no programa máis dun irmán, aínda que estas tres situacións non serán acumulables.
A cota máxima do comedor é de 5 euros día, prestándose o servizo de xeito gratuíto a aquelas unidades familiares con rendas per cápita mensual inferior ao 80% do IPREM.
Protección da infancia
Ademais da conciliación, os campamentos urbanos teñen un marcado carácter social e preventivo de situacións de risco e de protección á infancia. Por iso, como na edición anterior, resérvase o 25% das prazas para casos que formen parte Programa de Educación Familiar e Apio familiar da Concellería de Benestar. Ademais terán total preferencia ao servizo aos fillos e fillas de nais en situación de violencia de xénero.
Todos os requisitos a cumprir polos interesados, así como a documentación a presentar e o sistema de baremación constan nas bases que regulan os Campamentos Urbanos de Verán 2019. O documento pode consultarse no taboleiro de anuncios da web municipal ou na Concellería de Xuventude.