CONCELLO
A mellora dos parques infantís continúa polo Piñeiriño e Dona Concha coa substitución do caucho e arranxo dos xogos O Plan de Mantemento dos Parques Infantís do Concello de Vilagarcía chegará en breve aos parques do Piñeiriño e de Dona Concha (Vilaxoán) nos que, ademais de substituír o firme de caucho e reparar os valados, se arranxarán por completo todos bambáns e estruturas de xogo. A actuación na que o Concello investirá nela 67.494 euros de fondos propios xa se licitou e, unha vez contratada, a adxudicataria disporá dun prazo de 6 semanas para acometer os traballos.
25.04.2019.- Estes traballos lévanse a cabo periodicamente para manter as zonas infantís de xogos posto que, co paso do tempo, o uso e a exposición a intemperie, os elementos desgástanse e deterióranse, polo que é necesario realizar as labores de mantemento e conservación que permitan o uso en condicións de comodidade e seguridade por parte dos nenos e nenas.
Tanto no parque de Dona Concha como no do Piñeiriño revisaranse todos os bambáns e xogos e dependendo das deficiencias que presente cada elemento, cambiaranse as pezas en mal estado, lixaranse e pintaranse as pezas de madeira e trataranse con verniz protector, fixaranse as ancoraxes e apertaranse os parafusos.
O desgaste dos xogos é máis pronunciado na área do Piñeiriño debido á súa maior antigüidade. Aquí será preciso desmontar algunha das estruturas de xogos para reparalas no obradoiro e logo volver a montalas no parque.
O caucho do chan substituirase por completo no Piñeiriño e no de Vilaxoán, ademais de cambiar o existente, estenderase tamén firme sintético na parque que actualmente está cuberta con céspede artificial. Con isto conséguese dar uniformidade a toda a zona de xogos.
No que respecta aos valados de peche perimetral, o do Piñeiriño arranxaranse coa reposición das táboas en mal estado, lixado e pintado. Actualmente o valado do parque vilaxoanés é metálico, polo que substituirase por outro de madeira similar aos das demais zonas infantís de xogo do municipio. Por último, no Piñeiriño instalarse un panel informativo e arranxarase o de Dona Concha.