CONCELLO
Vilagarcía celebra a Semana da Mobilidade cunha axenda inclusiva e cargada de actividades para todos os públicos Como vén sendo habitual dende hai unha década, Vilagarcía súmase aos actos conmemorativos da Semana Europea da Mobilidade cunha axenda moi inclusiva e repleta de actividades para todos os públicos, que se desenvolverá entre o 16 e o 22 de setembro. A concelleira de Mobilidade, Paola María, presentou o extenso programa que terá como escenario as rúas e espazos públicos da cidade e que inclúe tanto actividades tradicionais, como o paseo en bici, o taller de reparación de bicicletas, o Día Sen Coches, ou a charla de educación viaria; coma outras máis novidosas como os concurso fotográfico e de audiovisuais por Instagram, roteiros históricos a pé, roteiros en bici con medicións sonométricas, proxección de audiovisuais e exposición fotográfica na rúa, e actividades do programa A Vila do Mañá.
13.09.2019.- A edil lembrou na presentación que a mobilidade é unha das liñas principais de acción do goberno, como o demostra a creación dunha concellería específica de Mobilidade que nunca antes existira. Ao longo dos últimos anos leváronse a cabo numerosas iniciativas tendentes á procura dunha mobilidade sostible. Estas actuacións baseáronse en priorizar ao peón sobre os vehículos (coas peonalizacións e proxectos en curso, como camiños escolares seguros ou A Vila do Mañá…); na promoción do transporte colectivo fronte o individual (Vai Bus) e no fomento de medios de transporte alternativos saudables e non contaminantes (VaiBike, carril bici, ciclovías…).
Pero a maiores deste feitos, María Mochales apuntou que é necesario e imprescindible facer visible nas rúas esta filosofía e incidir na concienciación cidadá. Neste marco é onde encaixan os actos da Semana da Mobilidade, no marco da convocatoria a nivel europeo, e que este ano sae financian con fondos europeos a través do proxecto EDUSI que está a desenvolver o Concello de Vilagarcía a través do proxecto “Vilagarcía Avanza”.
“Os obxectivos das actividades son concienciar aos veciños, dar a coñecer todas as iniciativas realizadas, motivar á cidadanía e facer visible nas rúas o modelo de cidade que queremos, no que as rúas sexan espazos de convivencia e espazos agradables e seguros onde os nenos poidan xogar, socializarse, aprender e madurar”, explicou. Ademais, dado que o lema desta Semana Europea da Mobilidade é “Camiña connosco!” un bo número de actividades consisten en rutas e paseos a pé pola cidade.
A concelleira salientou que se trata dun programa inclusivo no que se teñen previsto actividades para a participación de colectivos especiais como os de Con Eles, BATA, Amencer, Centro de Educación Especial e Fundación Lar, a todos os cales agradeceu a boa acollida das mesmas.
Do mesmo xeito, e antes de pasar a desbullar o programa actividade a actividade, a concelleira tamén agradeceu a colaboración e implicación de outros colectivos sociais e veciñais na organización de determinados actos da Semana da Mobilidade (como Arousa en Bici, Moto Bazar, Post Arquitectos, centros educativos e o Fallado da Memoria), así como a labor dos departamento municipais que fan posible o desenvolvemento da mesma (Policía Local, Servizo de Emerxencias e Protección Civil, Área de Comunicación, e Servizo de Obras).
Consulta aquí o programa da Semana Europea da Mobilidade: