CULTURA
Vilagarcía súmase ao Mes da Saúde Mental cun ciclo de “Psicocine” Outubro é o mes dedicado á Saúde Mental e Vilagarcía súmase a esta conmemoración a través dun ciclo de cine organizado polo Cineclub Adega e subvencionado pola Concellería de Cultura no marco das actividades transversais nas que colabora o departamento que dirixe Sonia Outón. Psicocine é o título deste ciclo que consistirá na proxección de tres películas e o posterior comentario e análise das mesmas por parte dun psiquiatra. As proxeccións serán no Salón García os días 10, 17 e 24 de outubro ás 20.15 horas e a entrada é de balde.
04,10.2019.- Con esta proposta e utilizando como medio o cine, preténdense mostrar a complicada relación entre as enfermidades mentais e a sociedade, así como sensibilizar sobre a importancia de comprendelas para evitar a estigmatización de quen as sofre e fomentar o seu coñecemento para axudar a detectar os primeiros síntomas.
Para acadar estes obxectivos, Adega seleccionou coidadosamente os films a proxectar, todos eles de gran calidade e que representan diferentes doenzas psiquiátricas. O Psicocine abrirase o día 10 con“Repulsión”, de Roman Polanski. O día 17 proxectarase “Compulsión”, do director Richard Fleischer e a clausura correrá a cargo da película de Robert Redford “Ordinary People”,
Despois de visualizas cada película, ao redor das 21.00 horas, abrirase o coloquio no que o psiquiatra comentará os temas da película en cuestión e no que poderá intervir o público.