CULTURA
O Concello leva roscas ás casas dos 300 participantes no certame virtual da Festa dos Maios “Éxito brutal”. Así de contundente foi a valoración da concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, sobre a acollida que tivo o certame virtual da Festa dos Maios, con nada menos que 300 participantes que a principios da semana que ven comezarán a recibir nos seus domicilios a rosca coa que lles agasalla o Concello por contribuír a manter a tradición popular dos maios aínda en tempos de confinamento pola pandemia do COVID19. Aínda que de xeito diferente, a festa terá hoxe a súa fase de exhibición pública a través das redes sociais do Concello onde se irán publicando as fotografías dos debuxos e maios, así como as letras das coplas e tamén vídeos. Ademais, ás 13.30 haberá un evento no que artistas locais e membros de agrupacións folclóricas cantarán e recitará as mellores letras.
01.05.2020.- A inmensa maioría dos traballos presentados ao concurso foron os elaborados por menores de 14 anos, é dicir debuxos ou collages de maios ou mesmo composicións florais propiamente ditas. En total foron unhas 274, fronte á trintena de coplas compostas por maiores de 14 anos. Todos eles recibirán o agasallo da rosca na súa propia casa, co máximo de dúas roscas por domicilio, como recollían as bases da convocatoria. A intención é que o reparto se inicie o luns pola tarde, aínda que debido ao elevado número de participantes e dada a capacidade produtiva da panadería Víctor Cordal e Hijos, coa que o Concello contratou as roscas, a distribución podería non rematar ata o mércores.
O evento das 13.30 horas no facebook será presentado e dirixido por Carlos Crespo, que irá presentando e comentando as interpretacións das mellores coplas presentadas ao certame cantadas por Dani Barreiro e recitadas por María Bermúdez, de cantareiras Bulideiras. Tamén se emitirán outros vídeos de cancións de maios que outros colectivos montaron e enviaron ao Concello, como o de alumnos do colexio da Escardia, ou un grupo de mozos e mozas rapeiros.
Sonia Outón explicou que “pensabamos que este formato virtual dos Maios, pese a ser algo novidoso, ía a contar con participación dado que a xente estaba na casa polo confinamento e dispoñía de tempo. Pero a verdade é que o resultado superou con creces as nosas expectativas, o que nos enche de alegría por ter aportado unha iniciativa que, ademais de contribuír a manter unha tradición popular tan nosa e tan arraigada como son os maios, tamén servira para aportar un pouco de positivismo, alegría, traballo conxunto entre as familias e axudara a esquecer, aínda que so fose por unhas horas, o terrible drama do coronavirus”.
A maiores da satisfacción que lle produciu a abraiante acollida, a concelleira de Cultura amosouse especialmente emocionada polas numerosas mostras de gratitude e as emotivas experiencias relatadas por moitos dos participantes nos seus correos electrónicos, algo que agradece publicamente.