DEPORTE
Amplíase o horario de uso das canchas de tenis e das pistas de atletismo de Fontecarmoa Coa entrada na segunda fase do plan de desescalada, que conleva unha maior flexibilización horaria para a práctica deportiva, a Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía amplía a partir de mañá o horario de funcionamento das infraestruturas de Fontecarmoa que xa estaban funcionando: as pistas de atletismo e as canchas de tenis. Os usuarios disporán dun total de 8 horas ao día (4 máis que durante a primeira fase) para practicar deporte nestas instalacións mantendo, polo momento as normas de uso individual e cita previa. Os horarios pasan a ser de luns a sábado, de 9 a 12 horas pola mañá e de 18 a 23 horas pola tarde. O domingo, só de 9 a 12 horas.
25.05.2020.- Seguindo as normas fixadas dende o día 13 de maio, poderanse utilizar as instalacións exclusivamente para a práctica deportiva individual. Para usar as instalacións será preciso facer previamente as reserva vía telefónica, chamando ao número 661 545 031. Non se collen reservas nas propias instalacións. O tempo máximo de uso é de 1 hora. Ademais, deberanse cumprir as normas de seguridade establecidas no protocolo de actuación aprobado pola Fundación para evitar a propagación do COVID19.
NORMAS DE USO E FUNCIONAMENTO
Nas canchas de tenis establécese unha capacidade máxima de 2 persoas por pista e por hora, mantendo unha distancia mínima interpersoal de 2 metros. Polo tanto, non se permiten os partidos de dobres.
Nas pistas de atletismo establécese unha capacidade máxima de 10 persoas por hora, utilizándose ás rúas 3 e 6 para a carreira, cun máximo de 5 persoas por rúa e cunha separación entre elas de 10 metros como mínimo. Os usuarios so poderán practicar deporte nas zonas do tartán, a de saltos e a de lanzamentos.
O almacén de material manterase pechado, polo que os deportistas deberán levar o seu propio material e non poderán compartilo con outros usuarios. Dado que as fontes do complexo pecháronse para evitar posibles contaxios por contacto, tamén deberán levar as súas propias botellas de auga.
Tamén estarán pechados os vestiarios, polo que os deportistas deberán acudir xa coa roupa de deporte posta. A entrada e saída ás instalacións farase unicamente pola porta situada entre o pavillón número 1 e a piscina municipal.
Seguindo as recomendacións da federación de atletismo, tamén se estableceu que todos os usuarios deberán desinfectar o seu calzado antes de entrar nas instalacións, para o cal se habilitarán unhas bandexas de desinfección polas que deberán pasar, ao igual que se recomenda o uso de máscara e de luvas no interior das instalacións deportivas, agás cando se estea realizando a actividade deportiva, así como o lavado de mans antes e despois da práctica.
O uso das instalacións queda restrinxido a maiores de 14 anos, para cuxa acreditación se esixirá a presentación do DNI.
Non se permitirá o acceso de público e tampouco o contacto físico entre os usuarios, que non poderán permanecer nas instalacións unha vez rematada a hora concretada na súa cita previa. Deste xeito preténdese evitar a acumulación de persoas nos accesos, tanto ao inicio como ao remate da actividade deportiva, garantindo as correspondentes distancias de seguridade.
Planificación de novos pasos
O organismo que preside Argimirio Serén está a traballar na confección dos demais protocolos a seguir para poder ir abrindo máis instalacións deportivas conformes ás distintas fases da desescalada e garantindo en todo momento as normas de prevención e a seguridade de usuarios e persoal das instalacións. De feito, ao longo desta semana poranse en contacto cos clubs deportivos do municipio para ir concretando os procedementos e cronogramas a seguir unha vez que se poidan ir reabrindo o resto das instalacións. Cómpre salientar que, polo momento, so os clubs profesionais poden retomar a práctica deportiva en conxunto, polo que nas instalacións municipais de Vilagarcía so está permitido o deporte individual. Maila isto, xa se está traballando na planificación de cara ao futuro.
Neste punto, a Fundación opta pola precaución e por ter perfectamente concretados os protocolos antes de continuar abrindo instalacións para evitar dar pasos en falso que poida ter un efecto non desexado no control da pandemia.