MULLER
O CIM recoñece os proxectos educativos en materia de igualdade dos colexios de Vilaxoán, A Lomba e Rubiáns A Área de Igualdade-CIM do Concello de Vilagarcía fixo entrega este mediodía dos Premios para a igualdade: boas prácticas na escola aos mellores proxectos presentados polos centros educativos e Anpas do municipio a que foi a catorce edición do certame. Os tres traballos galardoados este ano foron os presentados polos colexios A Lomba e Rubiáns, así como a iniciativa desenvolvida polo colexio de Vilaxoán e a ANPA San Martiño. Cada centro recibiu un premio en metálico de 500 euros.
06.11.2020.- Oeste premio é unha iniciativa que se inclúe nas actuacións do III Plan Municipal de Igualdade do Concello de Vilagarcía. O certame está dirixido a promocionar a educación en igualdade entre nenas e nenos e a tratar de erradicar a violencia de xénero.
Esta última edición veuse afectada pola pandemia da COVID19 e o confinamento de primavera que afectou á presencialidade escolar na última metade do curso pasado, o que incidiu tamén no normal desenvolvemento dos proxectos. Dada a situación, a Área de igualdade tivo que cambiar as bases e prolongar o prazo de presentación de proxectos para que os centros non se visen aínda máis prexudicados nas súas actividades e proxectos. A pesares desta situación excepcional, foron 6 os proxectos presentados por parte de 4 centros e unha ANPA.
Boa práctica “MULLER TIÑAS QUE SER” do CEIP A LOMBA.
Dirixido polo Equipo de igualdade do centro e tendo como persoas beneficiarias a todo o alumnado de infantil e primaria xunto coas súas familias, este proxecto tiña como obxectivo concienciar ao alumnado na convivencia cotiá coa igualdade de xénero, fomentando o respecto e visibilizando o papel da muller. Tratábase de resaltar a influencia da muller e a súa importancia na sociedade e asumir que a igualdade de xénero é tamén un dereito humano.
O alumnado participante e as súas familias traballaron contidos como os estereotipos sexistas, o uso dunha linguaxe inclusiva, a relevancia das mulleres ao longo da historia, as violencias machistas ou a educación afectivo-emocional. Para isto realizaron accións como marchas reivindicativas, composición de cancións, elaboración dun vídeo, a organización e xestión dun patio inclusivo, realización de charlas e obradoiros sobre igualdade ou a preparación dunha exposición de mulleres importantes na área de Ciencia e Historia.
Boa práctica “IGUAIS NA DIFERENZA” do CEIP VILAXOÁN e ANPA SAN MARTIÑO
Dirixido de xeito conxunto pola dirección do centro, o departamento da Biblioteca, o profesorado de xeito particular e a ANPA; e como persoas beneficiarias o alumnado, profesorado e familias, este proxecto tiña como obxectivo desenvolver prácticas educativas para identificar e descartar estereotipos machistas e sexistas co obxectivo de favorecer a igualdade de oportunidades entre ambos sexos aceptando as diferenzas.
Toda a comunidade educativa traballou contidos como a linguaxe inclusiva, os roles e estereotipos sexistas, a corresponsabilidade no fogar, as violencias machistas, o traballo cooperativo e o recoñecemento das mulleres de Vilaxoán a través de actuacións como a inclusión de mulleres relevantes dentro do seu proxecto “40 anos de historia do CEIP VIlaxoán” e actuacións na escola de nais e pais para estimular a intelixencia emocional a través de ferramentas como o ioga e o teatro. Tamén se realizaron charlas sobre igualdade; incluíndo a perspectiva de xénero dentro de actividades coma o obradoiro de creación de máscaras, a radio escolar, ou no empréstito de libros; actuacións específicas co alumnado, como os obradoiros de ciberacoso para 6º de primaria ou un proxecto para 3º primaria sobre as diferenzas; a posta en marcha dunha caixa de correos e banco da igualdade; así como actuacións conmemorando datas concretas como o 8 de marzo ou o 25 de novembro. Boa práctica “MULLERES DE PELÍCULA” do CEIP PLURILINGÜE RUBIÁNS
Este proxecto foi dirixido pola dirección do centro e tivo como destinatarios a todo o alumnado. O obxectivo ado mesmo foi a visibilización e posta en valor da participación das mulleres na historia do cine a través de actuacións en grandes grupos, nas aulas ou en pequenos grupos, traballaron contidos como a importancia de personaxes femininos históricos e relevantes en diferentes ámbitos, os estereotipos sexistas e a linguaxe inclusiva, as violencias machistas e a educación afectivo-sexual. Entre as actividades desenvolvidas destacan a celebración de datas significativas para a igualdade de xénero e a loita contra as violencias machistas -como os actos do 25 de Novembro ou o 8 de marzo, ou a realización de investigacións sobre a muller na conmemoración do día da nena e a muller nas ciencias-, e outras actuacións como a realización dun mural de mulleres no cine, a celebración do mes da igualdade con xogos, espectáculos de maxia e recunchos de biblioteca con perspectiva de xénero, o visionado de vídeo contos, exposicións sobre mulleres, ou a visita de Ledicia Costas.