FESTAS
Os xardíns efémeros regresan polo Nadal para crear ambiente en 13 puntos da cidade Os xardíns efémeros volverán decorar as rúas e parques de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán durante as festas de Nadal como elementos decorativos que destaquen e creen ambiente, tanto de día como de noite, completando así a decoración tradicional do alumeado nocturno. Estas orixinais composicións ornamentais comezarán a instalarse o luns coa idea de que poidan estar rematadas cara a fin de semana, coincidindo co prendido do alumeado de Nadal, prevista para o venres 27.
21.11.2020.- Persoal dos servizos municipais de Xardíns e de Electricidade será o encargado de montar as composicións que, como o ano pasado, combinarán ornamentación vexetal, con motivos decorativos de temática navideña e invernal (renos, papas Noel, bonecos de neve, animais do bosque, duendes…) e incluso con algo de iluminación. Instalaranse tanto en rúas e zoas peonís, como en parques e xardíns. Así, haberá xardíns efémeros en rúas como Rey Daviña nas confluencias con Praza de Galicia e Castor Sánchez, en Castelao, Vista Alegre e inmediacións dos xardíns de Ravella. Este ano tamén contarán cun xardín efémero no barrio das Pistas e na Praza do Quinto Centenario, na Rúa Arcebispo Xelmírez, aí como na Praza Rafael Pazos, de Vilaxoán e na da Liberdade, en Carril. Ademais decoraranse coma o ano pasado os parques de Matosinhos, a Praza de España e a da Independencia.
Este tipo de decoración de rúa utilizouse por primeira vez o ano pasado con dous obxectivos: complementar a decoración de Nadal con elementos que tamén creen ambiente durante o día, cando ao alumeado está apagado e como elemento de atracción de xente co que animar as rúas e dinamizar a actividade comercial e hostaleira. Ademais destes obxectivos, este ano, dadas a situación que estamos a vivir co COVID e as atípicas festas que nos tocará vivir, tamén contribuirá a manter certo grao de normalidade e de alegría, especialmente para os máis cativos.