FESTAS
15 traballadores de Vilagarcía foron contratados por empresas da zona grazas ás subvencións municipais As Axudas á Contratación que convoca a Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía resolvéronse este ano coa concesión de 15 axudas a diferentes empresas de Vilagarcía e da súa contorna. Grazas a estas subvencións, 15 traballadores (3 máis que o ano pasado) tiveron a posibilidade de acceder a un contrato laboral ou consolidaron o seu posto de traballo, tal como se recolle nas bases da liña de axudas coa que o Concello pretende fomentar a creación de emprego por parte da iniciativa privada mediante estes incentivos económicos da administración local.
15.12.2020.- A suma de cada subvención depende do tipo de contrato, oscilando entre os 1.700 euros e os 3.000, sendo as máis numerosas as de 2.700 euros. Entre as empresas subvencionadas están unha de transportes, unha de novas tecnoloxías, varios establecementos hostaleiros e unha de limpeza e desinfeccións.
As axudas solicitadas este ano ascenderon a 17, denegándose 2 por non cumprir os requisitos bas bases. O departamento que dirixe Alba Briones destina 50.000 euros á liña de subvencións coa que se pretende fomentar a creación de emprego e contribuír á estabilidade e mellora das condicións laborais dos traballadores empadroados na cidade.
Con esta medida, o departamento municipal pretende contribuír ao descenso dos índices de paro entre os vilagarciáns, loitar contra a precariedade e a temporalidade laboral e ir avanzando na consolidación do emprego xa existente. Por iso, ademais dos contratos de nova creación, considéranse subvencionables a través desta liña de axudas as contratacións indefinidas, conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada, así como os temporais con duración mínima de 6 meses. Tamén se prevé a posibilidade de subvencionar contratacións a tempo parcial no caso no que pola natureza da actividade da empresa, a xornada de traballo sexa inferior á legalmente establecida para ser considerada a tempo completo.