FORMACIÓN
O alumnado do obradoiro de atención socio sanitaria pide á Xunta que recoñeza o título para as súas bolsas de emprego No transcurso da visita que o alcalde, Alberto Varela, e o delegado provincial da Xunta, Luis López, realizaron esta mañá aos obradoiros Forme e Labora que se están impartindo en Vilagarcía, os alumnos do módulo de “Atención socio sanitaria a persoas dependentes no domicilio” aproveitaron a visita do responsable autonómico para trasladarlle un tema que lles preocupa especialmente en canto a que afecta ao seu futuro profesional ao restarlles posibilidades de emprego.
25.03.2021.- Despois de que López animase aos alumnos a sacar o máximo proveito á formación que estaban a recibir e cuxo obxectivo é facilitarlles a posterior incorporación ao mercado laboral, foi unha alumna a que lle planteou o obstáculo que a propia Xunta lles pon ao non dar por válido o certificado profesional que van a obter no obradoiro para os procesos de formación das bolsas de emprego de xerocultor/a que convoca periodicamente a administración autonómica.
Explicaron que, o título do obradoiro está homologado pola Xunta e é válido para acceder a un posto de traballo nun centro privado, pero contraditoriamente, non o é para os centros públicos cuxas prazas se cobren mediante esas bolsas de emprego. O delegado territorial, que descoñecía a problemática, recolleu a petición de recoñecemento da cualificación profesional dos obradoiros de emprego para as listas públicas de xerocultores/as, comprometéndose a trasladala ao organismo competente.
A visita de onte tiña como obxectivo coñecer de primeira man o proceso formativo que se está impartindo nos dous obradoiros que se están a desenvolver en Vilagarcía o FORME 20 (que conta coas especialidades de “Atención socio sanitaria a persoas dependentes no domicilio” e de “Elaboración e mantemento de mobiliario urbano”, en cada un dos cales participan 10 alumnos) e o Labora Xove 20 (cos módulos de “Socorrismo acuático e goberno de embarcacións de salvamento” e de “Instalación e mantemento de zonas verdes e aproveitamento forestal, con 8 alumnos cada un). Estas accións para mellora da empregabilidade de persoas desempregadas pertencentes a colectivos con especiais dificultades de inserción, organízanse mediante a colaboración do Concello e a Xunta. A administración local é a que deseña os proxectos, atendendo aos nichos profesionais máis demandados e con maiores posibilidades de emprego na zona, e a Xunta, financia o programa formativo que tamén conta cunha achega municipal.
O alcalde destacou a elección das especialidades, que o Concello sempre trata de adaptar ao que a sociedade demanda, como é caso dos socorristas titulados -dos que existe unha escasísima oferta en toda Galicia en comparación coa elevada demanda, o que supón unha enorme dificultade para os concellos costeiros á hora de cubrir os servizos de vixilancia de praias-, e dos profesionais de atención socio sanitaria -unha labor cada vez máis demandada e necesaria, que repercute no benestar das persoas máis vulnerables e que lles facilita a vida-. En canto ao módulos de mobiliario urbano e mantemento de xardíns, Varela apuntou que se trata douto ámbito de actuación, dirixida a mellorar os servizos e equipamentos públicos da administración local, pero nos que tamén hai unha demanda constante para traballos en beneficio da comunidade.
O rexedor aproveitou para felicitar ao persoal municipal que se encarga cada ano de estudar o mercado laboral e de deseñar e presentar os proxectos dos obradoiros a cada convocatoria que fai a Xunta “porque coa aprobación deles ano tras ano e o importante índice de reinserción laboral que dan como resultado, vemos que acertan completamente nas súas propostas”.
Pola súa banda, o delegado provincial apuntou que a Xunta continuará colaborando con proxectos que buscan a mellora da empregabilidade e ofrecer unha oportunidade laboral as persoas que o desexen mediante iniciativas como estes obradoiros nos que os alumnos reciben formación teórica e práctica á vez que cobran un salario. López animou aos alumnos das catro especializades a absorber os máximos coñecementos e desexoulles moita sorte no seu futuro profesional.
Ademais do alcalde e de delegado provincial da Xunta, participaron na visita a concelleira de Formación e Emprego, Alba Briones, e xefa territorial da consellería, e as directoras dos obradoiros.