_ Buzón do Alcalde Trámites Administrativos Turismo Enlaces
4O CONCELLO
:VILAGARCÍA TURISMO:
_LA CIUDAD
_THE CITY
voluntariadogalego.org
voluntariadogalego.org
CULTURA
Domingo Villar, María Oruña e Ledicia Costas desvelarán os segredos da novela negra o sábado na Cidade de Libro

A novela negra e de misterio, un dos xéneros que máis lectores atrae en todo o mundo, será a temática a abordar na xornada de mañá no Vilagarcía, Cidade de Libro. Algúns dos autores máis representativos do momento no panorama nacional e galego, como Domingo Villar, María Oruña ou Ledicia Costas, participarán no evento para desvelar algúns dos segredos do éxito das súas novelas, mentres que outros, como Pedro Feijoo e Manuel Losada virán a presentar os seus libros no incomparable e misterioso marco que ofrece a illa de Cortegada. O programa inclúe numerosas actividades abertas á participación do público, como un escape room, unha sesión de Cluedo e un conta contos. E como sempre, os autores estarán a disposición do público para asinar libros.
25.06.2021.- Editoriais e librarías volverán a abrir as casetas de exhibición e venta de 11 a 13.30 e de 16 a 21 horas. A primeira das actividades do día será a firma de libros a cargo de Abel Albés, autor de cómics como “A tumba de Breogán” e “Arán o armenio”, que estará a partir das 11 na caseta da librería Metrópolis.

O escape room urbano “A misteriosa desaparición de Teo” comezará a desenvolverse ás 11.30 horas con grupos de 4 integrantes que irán saíndo de forma progresiva cada media hora para seguir as pistas e tratar de resolver o enigma. A actividade, gratuíta e dirixida a público a partir de 12 anos, conta con 208 prazas. Os interesados deben inscribirse chamando ao teléfono 609842316 entre as 11 e as 21 horas. O equipo que obteña a maior puntuación ao remate da xornada recibirá como premio unha sesión de escape nunha sala convencional da firma Hype Escape Room.

O Libro con Rodas volverá a estar o sábado pola tarde na Praia da Compostela cos seus “Contos no Camiño”. Será a partir das 18 horas. Media hora despois, ás 18:30, terá lugar a presentación do libro de Manuel Losada “Misterio na illa de Cortegada” , acto que se desenvolverá na propia illa carrilexa e que presentará a xornalista e escritora, Elena Gallego Abad. Tamén nese mesmo acto, Pedro Feijoo presentará as súas obras “A memoria da choiva” e “Un lume azul”. As 30 prazas para asistir á presentación xa están cubertas.

O escenario da Praza da II República acolle a partir das 19:00 horas o conta contos “Caso pechado”, dirixido a público de todas as idades e que realizará a narradora Raquel Queizás. E ás 19:30 dará comezo a firma de libros por parte dos autores que participaron na presentación de Cortegada e tamén dos que intervirán no encontro literario das 21:00 horas. A xornalista Chus Gómez Dorrego será quen dirixa o encontro que tratara de desvelar as claves do éxito da novela negra e de misterio. Para isto, contarase con dous dos autores máis vendidos e lidos dos últimos anos: Domingo Villar, coa súa serie de novelas ambientadas en Vigo e o Morrazo protagonizadas polo inspector de Policía Leo Caldas, e María Oruña, creadora da tenente da Garda Civil Valentina Redondo, protagonista da triloxía de “Porto Escondido”. Acompañaraos outra autora galega, Ledicia Costas, que conta cunha exitosa traxectoria na literatura xuvenil e con brillantes incursións na narrativa para adultos.

RESEÑAS DOS AUTORES

DOMINGO VILLAR (Vigo, 1971). Estudou Historia na Universidade de Santiago de Compostela, pero logo dedicouse á elaboración de guións para cinema e televisión. Actualmente reside en Madrid, onde exerceu durante anos como comentarista gastronómico e literario en programas de radio e hoxe é colaborador habitual en diversos medios. Creador do singular inspector Leo Caldas, Villar é hoxe un dos máis importantes escritores de novela negra en España, destacando a proxección internacional da súa obra, que el mesmo traduciu ao castelán e outros trasladaron tamén ao inglés, francés, alemán, italiano, ruso, checo, noruegués, hebreo, polaco, holandés, búlgaro ou sueco. A primeira entrega das aventuras de Leo Caldas, inspector de policía nunha comisaría de Vigo, titulouse “Ollos de auga” (2006), a segunda “A praia dos afogados” (2009) e a terceira “O último barco” (2019). Con elas obtivo numerosos galardóns e recoñecementos, tanto nas súas edicións orixinais en galego como a través das diferentes traducións, entre outros: o Premio Antón Losada Diéguez, o Premio da Federación de Libreiros de Galicia, o Premio Frei Martín Sarmiento, o Premio Sintagma ou o Brigada 21, sendo finalista dos Crime Thriller Awards e o Dagger International no Reino Unido, o Le Point du Polar Européen en Francia e máis o Premio da Academia Sueca de Novela Negra. “A praia dos afogados” foi levada ao cine no 2015 baixo a dirección do realizador español Gerardo Herrero, sendo responsables do guión o propio Villar e Felipe Vega.

MARÍA ORUÑA (Vigo, 1976), galega de pai cántabro, dende pequeña visita con frecuencia Cantabria. Alí ambientou a serie de novelas “Puerto escondido” (Destino, 2015), un exitoso debut no xénero negro que foi traducido ao alemán, o francés e o catalán, ao que seguiron “Un lugar a donde ir” (2017) y “Donde fuimos invencibles” (2018). Nas tres novelas os protagonistas son as paisaxes cántabras e o equipo da tenente Valentina Redondo, que se ten gañado o cariño de milleiros de lectores. Coa súa última novela “El bosque de los cuatro vientos” explora as lendas e historia galega a través dos misteriosos aneis dos nove bispos do mosterio de Santo Estevo en Rivas do Sil, catro dos cales foron atopados despois de publicada a novela. Oruña é avogada e actualmente compaxina esta profesión coa escritura.


LEDICIA COSTAS (Vigo, 1979) é avogada, aínda que hai anos que dedica á literatura todo o seu tempo, pois estreouse como autora sendo moi nova coa publicación da novela xuvenil “Unha estrela no vento” (2000). Dende entón e ata hoxe, no eido da narrativa infantil e xuvenil ten publicado “O corazón de Xúpiter” (2012) ―Premio AELG―, “Recinto gris” (2014), “Inmundicia” e “Roñoso” (2015) e, sobre todo, “Escarlatina, a cociñeira defunta” (2014), libro co que gañou primeiramente o Premio Merlín e logo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, amais do unánime recoñecemento de público e crítica e a súa inclusión na lista de honra do IBBY. Recentemente apareceu “Esmeraldina, a pequena defunta” (2016), na mesma liña de terror amable e divertido que o libro protagonizado por Escarlatina. Baixo o acrónimo Pereledi, asinou diversas obras co tamén narrador Pere Tobaruela nas que a intriga e a fantasía son ingredientes fundamentais: “Desaparizión” (2011), “Mortos de Ningures” (2011), “Letras de xeo” (2012) e “Ouro negro” (2012) e “Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante”, historia coa que obtivo o prestixioso Premio Lazarillo en 2015. No eido da prosa para todas as idades publicou o libro de relatos “Un animal chamado néboa” (2015), narracións nas que a dura vivencia da guerra e as súas lacerantes consecuencias crean sobrecolledoras atmosferas de anguria e soidade. Complementariamente a este seu quefacer como narradora, Costas tamén é habitual en palestras e xornadas sobre literatura e ten recitado os seus versos nos máis variados espazos. Codirixe Criaturas, unha das revistas sobre literatura infantoxuvenil máis importantes de Galicia.

PEDRO FEIJOO (Vigo, 1975), filólogo de formación, desenvolveu durante anos un intenso labor no eido musical como produtor, compositor e músico en grupos como Los Feliz ou Lamatumbá. Neste mesmo terreo, publicou Viva o Fu remol! (2005), crónica sobre o presente e as circunstancias do panorama musical galego. Narrador de lectorado fiel e entregue, a súa escrita de intriga e aventuras ten cativado os seus seguidores pola capacidade para xerar historias de acción trepidante e personaxes cos que resulta doado empatizar. Velaí a razón de que títulos como Os fillos do mar (2012) ou A memoria da choiva (2013) —ambos os dous Premio Arcebispo San Clemente e o primeiro tamén Premio Frei Martín Sarmiento— se atopen entre os libros máis vendidos do último lustro en Galicia e mesmo fosen traducidos a outras linguas. A súa máis recente novela é Morena, perigosa e románica (2015), tal como anuncia o seu subtítulo, unha “comedia dantesca”, ben divertida e disparatada, na que dous veciños dunha comunidade deciden aliarse para perpetrar un atraco que os tire da súa vida de escasezas e limitacións. Alén desta súa faceta novelística, Feijoo cultivou tamén a investigación literaria en obras como Cousas do «Galicia», por Castelao (1997), monografía na que aborda a presenza de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no xornal Galicia, rotativo vigués dos anos vinte do pasado século co que o célebre escritor e político, logo emigrado a Buenos Aires, mantivo unha frutífera colaboración como debuxante e caricaturista.

MANUEL LOSADA. Técnico de profesión pero escritor de corazón, Manuel Oubiña Losada, natural de Pontevedra e afincado en Carril dende hai décadas, é un home perseverante e polifacético. Como o lector incansable que é ,sentiuse dende moi novo atraído polo xénero do misterio, terror e fantasía, sendo Stephen King a úa principal referencia. A pesares de ser a literatura a súa gran paixón, o pontevedrés traballou ao longo da súa vida na Administración Pública e no sector da seguridade privada, un posto de traballo que lle deu o impulso definitivo para empezar a escribir.

No ano 2015 con “Sen Miedo a la Bestia” dou comezo a súa carreira como escritor. Esta primeira publicación doulle ás para dedicarse a sua verdadeira paixón: a literatura de misterio e fantástica. No 2017 publicou “La Fábrica del Olvido”, unha novela de intriga e aventuras sobrenaturais.Tras dous anos centrado na escritura, Losada publicou en 2018/2019 dúas novas obras tan místicas como tenebrosas. A primeira titulada “Lo que Mis Ojos no Veían” e a segunda “El Misterio de la Isla de Cortegada”, ambientada na nosa terra e centrada nun xornalista galego que indaga nos sucesos máis escuros da illa. No 2020 publica “La Sangre del Vikingo” e “Trampa en la Red”.
4Participación CIDADÁ
_Escribe o teu ALCALDE
_Regulamento de Particip.
_Queixas e Suxestións
Trámites Administrativos
  Municipais / No Municipais
»
4DÍA A DÍA
    Abr 2024  
L
M
X
J
V
S
D
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
         
Congreso Vai de Rúas 2022
P.X.O.M.
voluntariadogalego.org


[Inicio] [Información Turistica] [Trámites Administrativos] [Ordenanzas] [Taboleiro de anuncios] [Buzón de Suxestións]
[Novas Concello] [Axenda Cultural] [Revista Municipal] [Plan Xeral de Urbanismo] [Vilagarcía en cifras]
[Gabinete de Comunicación] [Postales] [Mapa e Rueiro] [Enlaces] [Contacto]

© 2024. Concello de Vilagarcía de Arousa
Praza Ravella, n° 1. 36000 - Vilagarcía de Arousa
- Aviso Legal - Créditos -