DESENVOLVEMENTO LOCAL
O Concello e tres empresas se unen para formar e contratar a especialistas en torno e fresa Tres empresas –Thune Eureka, Fundivisa e Meycatec- asinaron un convenio co concello polo que ambas partes se comprometen a colaborar na formación e posterior contratación de persoas actualmente desempregadas que superen un curso de mecanizado coa especialidade de torno e fresa. O éxito da edición avala esta iniciativa, como se encargou de lembrar o xerente de Fundivisa, que o ano pasado chegou a contratar a tres persoas das que realizaron un curso similar.
29.12.2021. O obxecto do convenio é desenvolver un programa de cualificación profesional para persoas desempregadas. A formación mínima de acceso é a ESO ou, no seu defecto, un certificado de escolaridade. A ensinanza durará un total de 208 horas, das cales 128 serán teóricas e 80 prácticas. As accións comezarán ao longo do mes de xaneiro, tras unha selección que se canalizará a través do concello (Concellería de Promoción Económica, primeiro andar da Casa Consistorial) de acordo cos representantes de cada unha das empresas.
Así como o concello se compromete a sufragar os gastos da formación, as empresas asumen que contratarán un mínimo de alumnos durante ao menos 3 meses e en xornada completa.
PROCESO DE SELECCIÓN O proceso de selección xa comezou, coa remisión ao Servizo Público de Emprego da información do convenio a efectos de facer unha sondaxe de posibles candidatos. Despois, os interesados deberán presentar o seu currículo-vitae. Finalmente, serán os departamentos de Recursos Humanos das tres empresas citadas os que elixan os quince candidatos.
O alcalde, Alberto Varela, puxo este convenio como exemplo do que debe de ser a colaboración público-privada na promoción económica e do emprego, e ademais, neste caso, nun sector tan característico da empresa local como é o dos mecanizados e a fundición. Un aspecto no que tamén incidiu o xerente de Fundivisa, Juan Antonio Moreira, que lembrou que dos tres traballadores que contratou o ano pasado a través de este sistema de formación previa, un segue na empresa e os outros dous, despois de superar a empresa un ERTE a causa da pandemia, xa non puideron volver porque xa encontraran traballo noutra firma do sector, o que demostra en calquera caso o éxito destas iniciativas de formación específica.