CONCELLO
O rexeitamento de PP e Vox á senda de estabilidade do Goberno reduce en 2 millóns a capacidade de gasto de Vilagarcía para 2024 Vilagarcía verá reducida a súa capacidade de gasto en 2024 en nada menos que 2 millóns de euros ao non prosperar no Senado a proposta do Goberno do Estado para flexibilizar os obxectivos de estabilidade orzamentaria para as administracións públicas nos vindeiros exercicios. A medida defendida polo executivo de Pedro Sánchez foi aprobada no Congreso co voto en contra do PP, pero rexeitouse dúas veces na cámara alta -onde o voto conservador ten a maioría coa unión dos populares e a ultradereita de Vox. Ante a repercusión directa que esta medida terá a nivel municipal, o executivo local elevará ao Pleno unha moción solicitando o apoio da Corporación á senda de estabilidade promovida polo Goberno estatal.
21.03.2024.- A tenente de alcalde, Tania García, foi a encargada de explicar a iniciativa que se abordará na sesión a celebrar o vindeiro 4 de abril asegurando que “poucas veces como esta vese tan claro como os asuntos que se abordan nas Cortes Xerais nos afectan directamente a cada un de nós. E tamén como o afán da dereita do PP por facer dano ao Goberno de Pedro Sánchez, non lles impide aliarse, outra vez, coa ultradereita de Vox, e moito menos lles importa o dano que con todo isto causan ao cidadán de a pé ao recortar o marxe de manobra económica ás comunidades autónomas e ás administracións locais”. García Sanmartín advertiu da gravidade da situación xa que son estas administracións as que mellor garanten o estado de benestar, posto que nelas recaen as competencias sobre servizos públicos básicos e esenciais como a Sanidade, a Educación ou os Servizos Sociais.
A proposta do Goberno Central para os obxectivos de estabilidade orzamentaria pretendía conferir maior autonomía financeira ás comunidades autónomas e ás administracións locais eliminando para estas últimas (concellos e deputacións) a obriga de contar en 2024 cun superávit orzamentario do 0,2%. Deste xeito, terían un marxe adicional de dúas décimas para poder financiar ao longo deste ano a prestación dos seus servizos e a realización de investimentos. Esta diferenza suporía para o Concello de Vilagarcía dispoñer de 2 millóns de euros que, debido ao rexeitamento de PP e Vox no Senado, agora non se poderán utilizar e deberán traducirse nun superávit a finais de ano.
A tenente de alcalde aproveitou para denunciar a “oposición destrutiva” que está a facer o PP en unión coa ultradereita, e para exhortar aos concelleiros do PP local a desmarcarse da súa dirección nacional e a apoiar a moción “se realmente defenden os intereses de Vilagarcía e dos vilagarciáns”.
Instan á Xunta a retirar a abrir a desembocadura do Con
Por outra banda, o grupo municipal socialista eleva ao Pleno do 4 de abril (correspondente á sesión ordinaria de marzo adiada debido á Semana Santa) unha moción para instar á Xunta á que acometa a liberalización da desembocadura do río Con, no tramo 0 do seu curso. Isto é, na zona portuaria onde actualmente se asenta a denominada nave de Moral.
O goberno local lembra que tras as inundacións de 2006, a propia administración autonómica recollía esta medida no plan de prevención elaborado por Augas de Galicia. Aproveitando que a concesión sobre a nave expirou a finais do pasado mes de decembro e tras coñecer a disposición da Autoridade Portuaria a facilitar a actuación, o goberno local propón ao Pleno instar á Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente a abrir o curso do río neste tramo. O momento para retomar o proxecto é o máis adecuando tendo en conta que se están executando outras das obras incluídas no plan de prevención de inundacións, como son a construción dos tanques de tormentas e a instalación de novos colectores do saneamento tamén nos últimos tramos do leito.