DEPORTE
Vilagarcía completa en Berdón a renovación dos cinco campos municipais de herba artificial O campo de fútbol de Berdón será o seguinte no que actuará o Concello de Vilagarcía no marco do seu plan de mellora e mantemento das infraestruturas deportivas municipais. O alcalde, Alberto Varela, xunto cos concelleiros de Deportes, Carlos Coira, e de Turismo, Álvaro Carou, visitaron esta mañá as instalacións para anunciar a renovación do tepe de herba artificial das instalacións nas que adestran e xogan habitualmente seis clubs deportivos do municipio. A actuación ten un custe de 176.336 euros e financiarase a través do Plan Provincial de Infraestruturas Deportivas.
22.03.2024.- O rexedor explicou que o actual céspede de Berdón data de hai 14 anos polo que “tocada cambialo polo tempo transcorrido e polo uso intensivo que ten este campo por parte das entidades deportivas que fan uso del, tanto para adestramentos dos distintos equipos e categorías, como para a celebración dos partidos oficiais”. Varela indicou que, con esta obra os cinco campos de fútbol de herba artificial que ten o Concello quedan renovados con materiais de última xeración e quedando en perfectas condicións para a práctica deportiva.
Neste punto, Varela lembrou que a substitución do tepe do Manuel Jiménez podería estar rematada xa, pero a peticións dos clubs, decidiuse esperar aos meses de verán para non interferir na súa actividade en plena temporada. O cambio da herba non é a única mellora levada a cabo nos últimos tempos polo Concello nas instalacións de Berdón. Antes, e cun investimento de 18.100 euros, renovouse toda a iluminación do campo, substituíndo os vellos proxectores por outros máis potentes e de tecnoloxía led. E con anterioridade se levou a cabo o arranxo dunha zona do terreo de xogo que presentaba un afundimento e dificultaba a práctica deportiva. Os traballos de nivelado tiveron un custe de 14.000 euros.
As melloras afectaron tamén á contorna do campo, con obras como a instalación dunha pasarela peonil de madeira para garantir a seguridade das persoas que se desprazan a pé ata o campo por unha vía estreita e que carece de beirarrúas. Ademais, o concelleiro de Deportes anunciou que nos vindeiros meses a cuberta do pavillón de servizos do campo dotarase dunha viseira para que as persoas poidan resgardarse da chuvia cando acoden á cantina.
Coidado especial das infraestruturas deportivas
O alcalde puxo en relevo a especial atención que o goberno local está prestando ás infraestruturas deportivas nos últimos anos, con grandes investimentos e outros que, aínda sendo máis modestos, garanten o correcto mantemento e contribúen a que Vilagarcía conte cunhas instalacións en perfecto estado para que a veciñanza poida gozar do deporte nas mellores condicións, tanto practicándoo como asistindo como público. De feito, lembrou que tamén con cargo ao plan Máis Provincia, este mesmo ano acometerase a remodelación dos vestiarios do pavillón deportivo de Carril, e lembrou que, entre outras cousas, estanse executando investimentos millonarios na reforma integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa e na ampliación e modernización da piscina municipal Celestino Brianes.