EDUCACIÓN
Varela eloxia a curiosidade e o afán por seguir aprendendo dos participantes nos “Camiños dos Coñecemento” A cuarta edición dos seminarios “Camiños do Coñecemento e a Experiencia” arrancou hoxe coa participación de 60 persoas maiores de 50 anos, colectivo ao que se dirixe esta acción formativa incluída no programa IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela. O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, presidiu o acto inaugural no que eloxiou a “curiosidade e o afán por seguir aprendendo” que demostran as persoas que, ano tras ano, asisten a estes cursos e que representan “un gran exemplo a seguir, especialmente pola mocidade”. “Aínda que xa me queda pouquiño para poder participar, permitídeme dicir que eu de maior quero ser coma vós - chanceou o rexedor- , que facedes bos os ditos de que o saber non ocupa lugar e, sobre todo, que nunca é tarde para aprender”.
26.03.2024.- No acto inaugural celebrado da Sala de Conferencias do Auditorio interveu tamén a directora do programa IV Ciclo, Esther Olveira, quen destacou a boa acollida que os “Camiños do Coñecemento e a Experiencia” tiveron en Vilagarcía dende a súa primeira edición, hai xa catro anos. Así mesmo, agradeceu a aposta que o Concello está facendo por manter estas accións que contribúen a democratizar o coñecemento proporcionando ás persoas de 50 anos en diante a posibilidade de cultivar o seu intelecto e a súa cultura xeral asistindo aos seminarios que a USC organiza anualmente en torno a diversas temáticas.
O interese para os destinatarios, a oportunidade de facilitarlles o coñecemento e comprensión da contorna na que viven e os temas de maior actualidade, son os aspectos que se teñen en conta á hora de decidir os contidos dos seminarios a impartir. Neste caso serán tres que levan por título "Aproximación á historia da música galega e aos instrumentos de percusión", "O despilfarro alimentario e a pegada ambiental dos alimentos", e "O sono e os seus trastornos". Docentes da USC serán os encargados de impartir as clases que se desenvolverán en martes sucesivos do 26 de marzo ao 23 de abril no Auditorio. Seguindo o sistema das edicións anteriores, cada seminario constará dunha sesión teórica e outra práctica.
A asistencia aos seminarios dos “Camiños do Coñecemento e a Experiencia” é de balde, xa que se trata dunha actividade organizada a través da colaboración Concellería de Educación do Concello de Vilagarcía e a propia USC. Ademais de ter cumpridos os 50 anos e terse inscrito previamente, o único requisito que se esixe é que os participantes se comprometan a asistir aos tres seminarios. Ao remate dos mesmos, a universidade faralles entrega dun diploma acreditativo.
Intensa actividade da USC en Vilagarcía
Os “Camiños do Coñecemento e a Experiencia” son unhas accións formativas organizadas pola USC destinadas universalizar o coñecemento e facilitar o acceso ao mesmo por parte de toda a poboación, independentemente da súa idade ou condición económica. O programa ten como obxectivo potenciar e difundir o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos, de xeito que poidan continuar formándose e ampliando os seus estudos a través da propia universidade.
O Concello de Vilagarcia colabora nesta iniciativa e tamén financia o Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, que ofrece formación regrada ao longo de todo o curso. Este outro programa, que se implantou hai xa tres anos e que conta con sede permanente en Vilagarcía, si precisa do aboamento dunha taxa de matriculación por parte dos asistentes e permite sumar créditos para a obtención do diploma Sénior que ofrece a institución académica ao alumnado que completa os catro cursos.