CONCELLO
Vilagarcía rende homenaxe á memoria de Helena Mariño dándolle o seu nome ao pavillón da rúa Castelao O pavillón municipal de deportes da rúa Castealo chámase dende hoxe Pavillón Castelao-Helena Mariño en honor da que fora xogadora do Cortegada e en recoñecemento da intensa labor realizada ao longo da súa vida na promoción e formación do baloncesto en Vilagarcía. A homenaxe concretouse este mediodía nas céntricas instalacións municipais cun acto ao que, ademais da familia de Helena e de membros de todos os grupos da Corporación Municipal, asistiron representantes de distintos clubs deportivos da cidade, amizades, compañeiros e mesmo nenos e nenas aos que adestrou na práctica do baloncesto.
27.03.2024.- O acto desenvolveuse no exterior das instalacións, onde os fillos da homenaxeada, Lúa e Lois, acompañados do seu pai, Ricardo, foron os encargados de descubrir o rótulo coa nova denominación do pavillón, que xa luce na fachada do inmoble. Foi un momento moi emotivo que os asistentes arrouparon cos seus aplausos.
O alcalde, Alberto Varela, tomou a palabra “nesta sentida e merecida homenaxe que dende o Concello e en nome do deporte vilagarcián -do baloncesto máis en concreto-, lle rendemos a Helena Mariño”. O rexedor agradeceu a presenza de todas as persoas que acudiron ao acto, tanto a título persoal como en representación de entidades deportivas, sociais e políticas, “o que demostra o moito que a queriades e o moito que ela representaba para todos, tanto a nivel deportivo como persoal”. Un afecto “gañado a pulso” pola propia Helena Mariño a través dunha vida ligada ao baloncesto, primeiro mediante a práctica, e despois a través da formación e a colaboración na organización de eventos deportivos.
O rexedor fixo un breve resumo da traxectoria da homenaxeada, asegurando que “deixou unha fonda pegada en todos os clubs polos que pasou”, dende o Liceo, no que se iniciou como xogadora; ata o Cortegada, onde viviu a etapa máis importante da historia do club co ascenso á primeira división da Liga Feminina e participando en competición europeas. “Unha pegada indeleble” que tamén deixou no CB Vilagarcía onde, tras abandonar a práctica activa, implicouse na formación e adestramento da rapazada; e na Vilagarcía Basket Cup, formando parte da organización e coordinación do torneo que hoxe tamén leva impreso o seu nome.
O presidente do CB, Alberto Blanco, interveu no acto para agradecer ao conxunto da Corporación Municipal de Vilagarcía o “apoio unánime e sen fisuras” dado á proposta realizada dende o club para que unha instalación deportiva da cidade recordase a Helena Mariño, que tamén fora concelleira do Pleno de Vilagarcía nas filas do BNG. Precisamente por isto, a proposta do club formalizouse a través desta formación, contando co apio de todos os demais grupos políticos.
O alcalde advertiu da intencionalidade de que a homenaxe se materializase “aquí e agora”. “Quixemos que este recoñecemento fose nesta cancha, berce do baloncesto e onde Helena pasou tantas horas formando a nenos e nenas, para que o seu nome quede ligado para sempre a este deporte. E quixemos facelo neste preciso momento, no marco da Vilagarcía Basket Cup que se inaugura mañá”.
“Dende hoxe- rematou Varela- Helena Mariño sempre estará sempre aquí, neste pavillón, gozando do inconfundible son dos botes do balón e das zapatillas rozando o parqué: a música que máis lle gustaba escoitar”.