BIBLIOTECAS
O Día do Libro celebrarase na nova Biblioteca cun obradoiro e un contacontos na sección infantil Coincidindo coa inauguración da nova Biblioteca Municipal nas dependencias da rúa Castelao, o Concello de Vilagarcía organiza dúas actividades infantís para conmemorar o Día do Libro o vindeiro martes, 23 de abril. Deste modo, os nenos e nenas terán a oportunidade de coñecer a nova sección infantil acudindo ao contacontos e ao obradoiro de ilustración que se desenvolverán esa tarde nas flamantes instalacións. A asistencia, orientada a crianzas de cinco anos en diante, é de balde, pero as prazas son limitadas, polo que será preciso inscribirse previamente.
10.04.2024.- A celebración do Día do Libro comezará na sección infantil da Biblioteca ás 17.00 horas co contacontos “Contos nunha roda”, que ofrecerá a compañía Tarabelos. Seguindo a técnica do “kamishibai”, unha tradición milenaria xaponesa de contar contos, e utilizando un teatriño de papel montando sobre unha bicicleta, o narrador relatará varias e divertidas historias sobre lendas galegas. A actividade ten unha duración de 50 minutos e ofértanse 50 prazas. Ás 18.30 horas dará comezo o obradoiro de ilustración e contos que tamén impartirá Tarabelos. Tras relatar unha historia aos asistentes, cada participante recibirá un pequeno libriño do conto con espazos en branco nos que poder debuxar. Cada neno e cada nena deixará voar a súa imaxinación e dará renda solta á súa creatividade para ilustrar o conto utilizando técnicas como o collage, o debuxo, a pintura, adhesivos, troqueis, tec…) Deste xeito, cada participante conseguirá un libro único e diferente. O obradoiro de ilustración durará 90 minutos e contará con 25 prazas.
Inscrición por mail a partir do 15 de abril
Para participar nestas actividades será preciso inscribirse remitindo un correo electrónico ao enderezo biblioteca@vilagarcia.gal . Nel deberá indicarse expresamente a actividade á que se pretende asistir (contacontos ou obradoiro), o nome e apelidos, e a data de nacemento do neno ou nena. O prazo de inscrición ábrese o día 15 de abril e pecharase o 22. As prazas cubriranse por orde de inscrición (dentro do período mencionado) e a admisión será confirmada a través do mesmo correo electrónico.