MULLER
Igualdade abre a inscrición no obradoiro de iniciación á produción musical electrónica que impartirá Vicky Longa A Concellería de Igualdade do Concello de Vilagarcía organiza un obradoiro de iniciación á produción de música electrónica dirixido a persoas de 14 anos en diante. A actividade enmárcase no programa da Semana de Muller e Cultura, que ten como obxectivo dar visibilidade e poñer en valor o traballo das profesionais femininas no eido cultural. Este ano en concreto, no campo musical, de aí que a encargada de impartir o obradoiro sexa Vicky Longa. A participación na actividade é de balde, previa inscrición. O prazo ábrese mañá, 13 de abril, e remata o día 26. O obradoiro impartirase o sábado 27 pola mañá no Auditorio.
12.04.2024.- A actividade será totalmente práctica e ten como obxectivo proporcionar os coñecementos e as ferramentas básicas para crear un tema musical a partir de tecnoloxías aplicadas á música (Home Studio). Consistirá na elaboración dunha canción a partir dunha idea musical sinxela. Para este proceso utilizarase un ordenador, os programas correspondentes, unha tarxeta de son e un teclado midi.
Vicky Longa
A vilagarciá Vicky Longa é música, compositora e dirixe o Longa Music Lab. Estudou guitarra no conservatorio de Vilagarcía e en Barcelona, realizou un máster en produción musical, e asistiu a diversas masterclasses e cursos en diferentes escolas, incluída a de Berklee. Traballou como docente durante máis de oito anos na Escola de Música do Palau de Barcelona. Ten publicados dous discos co seu proxecto Manuela Kant e outro en solitario, xa como Vicky Longa. Dende o 2021 compón para a editorial ABDM, labor que compaxina coa dirección do Longa Music Lab, con sedes en Vilagarcía e Santiago.
As persoas interesadas en asistir ao obradoiro deben cubrir o formulario dispoñible no taboleiro de anuncios da web http://www.vilagarcia.gal ou na sede@vilagarcia.gal , e remitilo por correo electrónico ao enderezo muller@vilagarcia.gal . Tamén poden presentalo telematicamente a través da sede@vilagarcia.gal , ou entregar de forma presencial, nas oficinas da Área de Igualdade.