EDUCACIÓN
Vilagarcía asume a organización completa da III Mostra Musical do Eixo Atlántico a celebrar os días 12 e 13 de maio A Comisión de Educación do Eixo Atlántico aprobou onte a proposta de Vilagarcía para asumir a organización completa da III Mostra Musical. Deste xeito, ademais de acoller a fase final do certame, da que Vilagarcía é sede oficial, o Auditorio da capital arousá tamén será escenario da fase previa que antes rotaba entre os municipios integrados no Eixo. Así pois, a terceira edición da Mostra Musical celebrarase os días 12 e 13 de maio no Auditorio.
26. 01. 2012.- A Comisión de Educación está integrada polos concelleiros de Educación das cidades lusas e galegas integradas no Eixo e o secretario do órgano transfronteirizo. A concelleira de Educación de Vilagarcía, Rocío LLovo, encabezou a delegación vilagarciá da que tamén formaron parte os técnico de Educación, Javier Villaronga, e a director ado Conservatorio profesional de Música, Rosina Sobrido.
A fórmula presentada pola concelleira de Educación, Rocío LLovo, ten como obxectivo evitar aos participantes un gasto maior ao ter que desprazarse dúas veces a lugares diferentes para participar nas probas da fase previa e final. A proposta foi aprobada por unanimidade polos 14 municipios que asistiron á reunión e que recoñeceron a idoneidade da proposta, así como o gran esforzo realizado polo Concello de Vilagarcía para manter o certame musical.
Ese cambio no formato da Mostra obriga ó Concello a asumir outras responsabilidades en materia de organización, como é facilitar aloxamento aos participantes. A concelleira de Educación xa levou adiantado este punto ao ter xestionado previamente o uso das instalacións do albergue xuvenil das Sinas, con capacidade para 120 persoas que poderán aloxarse de balde. Deste xeito, os concursantes só terán que facerse cargo do transporte e manutención. A medida tampouco reportará custe algún para o Concello xa que o uso do albergue conseguiuse a través da colaboración institucional tras as xestións realizadas pola concelleira.
Por outro lado, o Concello tamén pon a disposición da Mostra durante as dúas xornadas que dura o certame, as instalacións do Auditorio, así como as dependencias do Conservatorio Municipal, situado no mesmo edificio, a efectos de que os grupos e músicos participantes poidan ensaiar nas mellores condicións. A achega do Concello complétase coa loxística necesaria, así como cos traballos de cartelería, publicidade e promoción do evento.
Redúcense os custes Rocío Llovo comentou que o compromiso do Concello de Vilagarcía coa educación da mocidade en xeral e co ensino musical en particular, foi unha das principais razóns polas que o goberno local decidiu apostar pola Mostra, pese á complicada situación económica que se atravesa a nivel xeral. Cómpre salientar que grazas ás xestións e o traballo xa realizado, a organización desta edición, aínda constando dunha xornada máis, incluso custará menos ó Concello, que reduciu gastos en asuntos non prioritarios e que tamén xestionou á colaboración ante outras institucións como a Deputación Provincial, a Autoridade Portuaria e a Xunta de Galicia. Ademais, redúcense gastos superflúos.
Un evento nado en Vilagarcía O Concello de Vilagarcía foi o promotor da Mostra Musical do Eixo Atlántico, que tivo o seu xerme na Mostra de Xóvenes Intérpretes que se celebraba no municipio. A apertura deste certame ao Eixo Atlántico supuxo a internacionalización do mesmo ao participar nela centros educativos musicais dos concellos galegos e portugueses que integran a organización transfronteiriza. Como municipio promotor, Vilagarcía ostenta dende o primeiro momento a capitalidade da fase final do evento.
A Mostra ten como obxectivo promover a educación musical de alto nivel, proporcionar aos músicos noveis dos municipios do Eixo a oportunidade de interactuar, coñecerse, intercambiar experiencias educativas, e ofrecer un escenario atractivo no que os músicos vaian facendo táboas.
Catorce municipios xa confirmaron a súa presencia Na segunda edición da Mostra, a celebrada en 2010, concursaron 28 participantes (agrupacións e solistas) pertencentes ós Conservatorios de Música de 11 municipios galegos e portugueses das cidades do Eixo. Con motivo da fase final, Vilagarcía acolleu a 110 concursantes procedentes dos municipios de Galicia e Portugal que superaron as fases previas que nesa ocasión se repartiran entre as localidades lusas de Mirandela e Vila Real. Para a edición deste ano xa está confirmada a presencia de 14 municipios.