DESENVOLVEMENTO LOCAL
O concello oferta 162 prazas para facer unha travesía abordo do galeón “Illa de Cortegada” Os interesados en saír a navegar abordo do galeón “Illa de Cortegada”, recuperado pola Asociación Rompetimóns, do Carril, co patrocinio do Concello de Vilagarcía, poderán facelo a partir do vindeiro sábado, e de xeito gratuíto. Grazas a un convenio entre a citada asociación e a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Jesús Longa, ao longo do verán haberá 18 saídas, en quendas de 11 da mañá e 5 da tarde. En cada viaxe poden subir ata 9 persoas, polo que en total serán 162 os vilagarciáns que poderán coñecer de preto o “Illa de Cortegada”.
27.06.2012. A solicitude está xa a disposición dos interesados nesta web, no taboleiro de anuncios. O prazo de inscrición comeza o 28 de xuño e permanecerá aberto ata cubrir todas as parazas.Só se admiten dúas persoas por petición, na que constará o nome, apelidos e DNI do inscrito. Aínda que o formulario pode baixarse de internet, é estrictamente necesario que se entregue fisicamente no Concello, pois as peticións serán atendidas por rigoroso orde de inscrición. Ademais, con iso o usuario recibirá atención personalizada, pois cabe a posibilidade de que o día e hora preferido non estea dispoñible, co que no mesmo momento poderá escoller outra data.
Os días de saída son: en xuño, o sábado 30; en xullo, os sábados 7, 14, 21 e 29; en agosto, o sábado 11 e o domingo 12; e en setembro, o sábado e domingo 8 e 9. As saídas se realizarán en dúas quendas, 11 e 17 horas.
En función das mareas, o percorrido pode variar, pero en principio inclúe o contorno de Cortegada, a foz do Ulla, a enseada de Ponte Beluso, en Boiro, e por suposto Carril.
Tendo en conta que a participación na actividade é gratuíta, o escaso número de prazas e case segura alta demanda, dende o Concello se pide colaboración dos veciños á hora de solicitar as prazas, pois ao tratarse dunha reserva aquelas que queden baleiras no mesmo día dificilmente se poderán cubrir.