DEPORTE
“El Intermedio” de Radio Marca emítese dende o Concello para presentar a España o Arousa Fútbol 7 O programa radiofónico de deportes “El Intermedio” de Radio Marca emitirase o martes 21 de maio dende o salón de plenos do Concello con motivo da presentación a nivel estatal do XVIII Arousa Fútbol 7. A realización en Vilagarcía do programa que habitualmente se emite dende Madrid responde ás xestións realizadas pola asociación deportiva Arousa Fútbol 7 para promocionar o evento. A emisión será aberta ao público.
20. 05. 2013.- O programa “El Intermedio” emitirase mañá dende o salón de plenos do Concello para toda España. Serán tres horas de emisión en directo durante as cales o equipo de xornalistas desprazados dende Madrid entrevistarán aos responsables da organización do Arousa Fútbol 7, ao alcalde, Tomás Fole, e a concelleira de deportes, Elena Suárez. Tamén participarán no programa o secretario xeral de Deportes, Xosé Ramón Lete Lasa e o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán.
O programa comezará ás catro da tarde e rematará ás sete. O equipo que se desprazará dende Madrid componse de 6 persoas: O subdirector do xornal Marca, Juan Ignacio Gallardo; o director de radio marca, Francisco García Caridad e os xornalistas David Sánchez, Raúl Santamaría, Alberto García e Roberto Gómez.