CONCELLO
Concello e amigos organizan unha gala musical para render homenaxe a Manolo Suárez O Auditorio acolle o venres, 23 de agosto, unha gala musical coa que render homenaxe a Manolo Suárez. Amigos do que fora cantante do grupo Los Duendes e de Los Tamara organizan este este espectáculo coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello. A gala comezará ás 22:00 horas e nela participarán grupos e solistas que farán un repaso pola carreira do vilagarcián durante as décadas dos anos 60, 70 e 80. A entrada é de balde, previa retirada de invitación.
19. 08. 2013.- Despois do éxito do homenaxe musical ofrecido o pasado ano a Alfonso Galbán, agora tócalle o turno a outro destacado personaxe do panorama musical de Vilagarcía. Coordinado tamén por Pepe Álvarez, Manolo Suárez será o absoluto protagonista da gala musical na que haberá moitas sorpresas tanto para o homenaxeado como para o público en xeral.
Os amigos de Suárez que preparan o espectáculo levan traballando nel tres meses. Aínda así, lograron manter ata o final o segredo sobre a celebración da gala e tamén sobre quen intervirá nela, xa que pretenden que sexa unha gran sorpresa para Suárez. Non obstante, advirten que será un espectáculo moi animado, á vez que emotivo e que gustará a público de todas as idades.
A entrada á gala é libre e de balde, aínda que será preciso retirar invitación a efectos de respectar o aforo e garantir a seguridade e normal desenvolvemento do espectáculo. As invitacións comezaranse a distribuír o mércores, 21 de agosto, a partir das 9 da mañá. Só se entregará un máximo de dúas invitacións por persoa.
Manolo Suárez dedicou media vida á música. A súa potente voz foi unha das características do grupo vilagarcián Los Duendes, que levou a música da cidade por toda España, actuando incluso en Latinoamérica e países europeos como Suíza ou Alemania. Posteriormente, tras o falecemento do popular Pucho Boedo, Suárez pasou a formar parte do famoso grupo Los Tamara, trasladándose a Madrid para continuar coa súa carreira musical.