EDUCACIÓN
O Concello incrementa o fondo das axudas para a adquisición de material escolar da Educación Infantil O Concello de Vilagarcía incrementa este ano os fondos destinados ás axudas para a compra de material escolar en Educación Infantil. Para o curso 2014/15. Con 1.00 euros máis que en 2013, as familias de Vilagarcía poderán repartirse 8.000 euros en axudas que poden chagar aos 50 euros por alumno. A convocatoria das axudas publicouse no BOP de hoxe, polo que o prazo de solicitude abrirase mañá, 26 de agosto, e o trámite poderá realizarse ata o 30 de setembro.
25.08.2014.- O Concello creou hai uns anos esta axudas para cubrir o baleiro existente no Ensino Infantil (de 0 a 6 anos), para o cal non se concedían subvencións a través de ningunha outra administración, como si ocorre coas demais etapas da Educación Obrigatoria. As axudas municipais están dirixidas ao primeiro e segundo ciclo de Infantil de alumnado residente no municipio e matriculado en centros de Vilagarcía sostidos con fondos públicos, así como en escolas infantís autorizadas. Dos 8.000 euros dispoñibles este ano, dos que 4.500 finánciaos Concellería de Educación e os 3.500 restantes a de Traballo e Benestar.
As subvencións serán dun máximo de 50 euros por alumnos e concederanse en función da situación socio económico da unidade familiar co obxectivo de que cheguen a quen máis as precisa.
As familias interesadas en solicitar as axudas deben cubrir o formulario que poden obter nos departamentos de Educación ou Servizos Sociais do Concello, así como no servizos de Información Municipal ou a través de internet, imprimindo o documento pendurado no taboleiro de anuncios desta web, onde tamén se poden consultar as bases que rexen a convocatoria.