EDUCACIÓN
Aberto Estévez asume a dirección da Escola Municipal de Música Bernardo del Río .- O profesor José Alberto Estévez Rodríguez será o novo director da Escola Municipal de Música “Bernardo del Río”. O nomeamento foi aprobado esta mañá pola Xunta Local de Goberno como consecuencia da dimisión presentada por Jesús Nogueira, que dirixiu o centro de ensino municipal nos últimos anos tras a xubilación de Alfonso Galbán.
27.07.2015.- Alberto Estévez asume por primeira vez a dirección da Escola Bernardo del Río, un centro que coñece á perfección xa que é un dos docentes de maior antigüidade na plantilla do centro, no que ingresou en 1998. Titulado en Grao Medio de Guitarra e con ampla formación en música moderna e jazz, o profesor imparte a especialidade de guitarra desde o principio, ademais de encargarse dos grupos musicais, do combo moderno e do ensamble de guitarra creados no seo da Escola Municipal de Música.
Nestes 17 anos como docente, Alberto Estévez, participou de maneira activa en todos os proxectos desenvolvidos pola Escola tanto a nivel interno, a través da posta en marcha e dirección de agrupacións, como externo, na creación, montaxe e representación de musicais que o profesorado do centro foi interpretando polos diversos centros educativos do municipio.
Con 50 anos recén cumpridos, o director asume esta nova etapa ao fronte do centro Bernardo del Río con moita ilusión e gañas de seguir traballando na liña de potenciar o ensino musical que se imparte no centro e de abrir este á sociedade, tanto a través da súa participación activa na vida social da cidade e dos colexios do municipio, como en colaboración con centros musicais de concellos veciños.
O equipo directivo da Escola complétase co Xefe de Estudios, cargo que continuará recaendo en Víctor Costa. Pola súa banda, Xesús Nogueira seguirá exercendo como profesor no centro Bernardo del Río e seguirá levando a batuta da Banda de Música de Vilagarcía.