_ Buzón do Alcalde Trámites Administrativos Turismo Enlaces
4O CONCELLO
:VILAGARCÍA TURISMO:
_LA CIUDAD
_THE CITY
voluntariadogalego.org
CULTURA
A 44ª edición do Curtas Film Fest de Vilagarcía unirá o cinema e o cómic

Do 24 de outubro ao 1 de novembro, o Certame Audiovisual Internacional de Vilagarcía de Arousa, tamén coñecido como CURTAS FILM FEST, chegará á súa 44ª edición converténdose nun evento multidisciplinar que acollerá a moitos invitados do mundo do cinema e a televisión, proxeccións de longametraxes e curtametraxes, e numerosas actividades paralelas. Entre estas últimas destaca o primeiro Salón do Cómic de Vilagarcía, que achegará á cidade algúns dos máis coñecidos artistas nacionais da novena arte, así como exposicións, sesións de firmas, concursos de videoxogos e cosplay, xogos de rol, cartas e taboleiro.
27.08.2016.- Autores como Alfonso Azpiri, Juan Giménez ou Salvador Larroca, entre outros, visitarán a localidade para presentar a súa arte e manterán encontros co público asistente, ademais de sesións de firmas que permitirán aos afeccionados levar un recordo inesquecible ás súas casas.

SECCIÓN COMPETITIVA

No apartado audiovisual, e como vén sendo habitual, o Curtas Film Fest tamén contará cunha sección competitiva de curtametraxes con premios para a mellor de imaxe real, mellor curto de animación, mellor curto galego, mellor director e mellor director galego, para os que os cortometraxistas xa poden enviar traballos a través das principais plataformas online.

A nostalxia tamén terá o seu oco no festival con "Volta ós 80" : un ciclo que nos permitirá viaxar no tempo para gozar dalgúns dos títulos máis destacados dunha época irrepetible na gran pantalla. Outros ciclos que poderán gozarse no festival serán "Da viñeta á pantalla", con películas baseadas en personaxes do cómic, ou "Cinefilias", dedicado aos clásicos da sétima arte e o cinema de autor.

Ademais o 31 de outubro o Festival celebrará o "Samaín ao grande", con talleres destinados aos máis pequenos -e aos que non o son tanto-, nos que poderán esculpir a súa cabaza ou maquillarse como un monstro para logo percorrer as rúas de Vilagarcía no Desfile da Santa Compaña, rematando a festa no Baile dos Vampiros, unha festa na que ademais de gozar de boa música poderán gañar premios co seu disfrace.

Moi pronto se presentará o cartel e o programa completo do evento organizado pola Asociación Cultural Curtas que conta co patrocinio do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e o Liceo-Casino de Vilagarcía de Arousa.


SOBRE OS AUTORES:

Alfonso Azpiri (Madrid, 1947) nace no seo dunha familia de músicos. Aos 25 anos colabora por primeira vez no mundo editorial coa revista Trinca, na que saen as series "Dous fuxitivos en Malaisia" e "Alpha Cosmos". Tras o seu peche, os anos seguintes traballa nalgunhas revistas eróticas italianas. Froito desa experiencia, nace en 1979 nas páxinas de Mastia o seu personaxe feminino máis coñecido: Lorna. Do mesmo xeito que outros dos seus cómics, Lorna publicouse internacionalmente en revistas como Penthouse ou a través de Heavy Metal. No ano 1988 comeza a publicación de Mot no Pequeno País. As aventuras deste monstro creado xunto a Ignacio Moreno (Nacho) continuarían durante catro anos, e foron recollidas logo en cinco libros recompilatorios. Uns anos despois tamén saíu o cómic infantil El Bosque de Lump no mesmo medio. Outras obras súas son Soños Húmidos -premio ao Mellor Cómic Erótico do Salón do Cómic de Barcelona 2000-, Sensations, Espertares, Demon Wind, Cemiterio Estelar -co guión de Carlos Giménez-, Coxas de Medo ou A Pantasma de Palacio. Ademais, as súas obras apareceron en revistas míticas como Cimoc, 1984 ou Zona 84. Tamén publica adaptacións de clásicos da literatura en colaboración con Forges. Á parte das súas publicacións en revistas, a súa inquietude lévalle na década de 1980 por outros camiños como a informática, facendo duascentas portadas para xogos e programas de computador de varias compañías contemporáneas de software españolas (Dinamic Multimedia, Topo Soft e Opera Soft, entre outras) entre eles dúas das súas máis famosos personaxes Lorna e Mot. Tamén se involucra no cinema, realizando story-boards, deseños de personaxes, escenarios, etc.


Juan Giménez (Mendoza-Arxentina, 1943). Atraído desde moi pequeno polo debuxo, comeza aos dez anos copiando as portadas dos libros de peto que chegaban de España e das revistas americanas, motivado pola fascinación que estas lle espertaban. O seu primeiro traballo profesional como historietista fao aos 16 anos. A facilidade para o debuxo, a constancia e os seus posteriores estudos de Deseño Industrial foron de gran utilidade para penetrar no mundo do cómic. Posteriormente traballa para Axencias de Publicidade, realizando storyboards para anuncios publicitarios. A finais dos 70 deixa Arxentina e recala en Europa, onde comeza a traballar para editoriais italianas, españolas e francesas. En 1979 publica Estrela Negra, o seu primeiro traballo a cor. Logo aparecerían Lixo, Cuestión de Tempo, O Cuarto Poder, Leo Roia e Xogo Eterno, traballos que denotarían a súa inclinación polo fantástico e a ciencia ficción. A aceptación por parte do público e a crítica fixérono merecedor de numerosos galardóns internacionais: Mellor Debuxante elixido polos lectores das revistas 1984 e Comix Internacional nos anos 1983, 84, 85 e 90; Premio ao Mellor Debuxante no Salón do Cómic e a Ilustración de Barcelona en 1984; Yellow Kid outorgado polo Salón Internacional do Cómic de Lucca en 1990; Bole D'Or en Francia en 1994. Os seus traballos foron expostos en distintas cidades do mundo, sobresaíndo a realizada no Centro Georges Pompidou de París, en 1997.

Salvador Larroca (Valencia, 1963) deuse a coñecer aos lectores españois polas súas ilustracións para as edicións nacionais de cómics Marvel publicados por Planeta-DeAgostini. En 1992 a filial británica de Marvel deulle a oportunidade de dedicarse profesionalmente a debuxar cómics, o que lle permite abandonar o seu traballo nunha empresa de cartografía dixital. Para Marvel UK debuxaría soamente dez cómic-books antes do peche do sub-selo británico, pero apenas tardou uns meses en dar o salto a Marvel en EEUU, e pronto se converteu en debuxante regular de Ghost Rider durante dous anos e medio. Durante este período, grazas á súa rapidez tamén puido colaborar paralelamente en traballos breves para DC (Flash) e Image/Wildstorm (StormWatch), apenas dúas excepcións nunha carreira desenvolvida enteiramente en Marvel. En 1996 realiza as súas primeiras colaboracións máis ou menos breves para a liña X-Men, debuxando daquela Os 4 Fantásticos, coa que encarrila definitivamente unha traxectoria ascendente en Marvel, onde pasa a debuxar ós X-Men, e posteriormente Iron Man, alternándoo con traballos breves puntuais, case sempre miniseries ou arcos argumentais pechados de non máis de seis capítulos. En xullo de 2009 recibe o Premio Eisner á Mellor Nova Serie. Entre o seu últimos traballo para Marvel destaca Cable and X-Force ou a miniserie Darth Vader baseada no popular personaxe da saga Star Wars.

SOBRE O FESTIVAL:

Nado como Festival de Cinema Afeccionado de Vilagarcía no ano 1973, o Curtas Film Fest celébrase ininterrompidamente dende hai 43 anos en Vilagarcía de Arousa. É o festival cinematográfico decano de Galicia e un dos certames con máis tradición da Península Ibérica. Próximo a cumprir o seu cuadraxésimo cuarto aniversario, o que comezou sendo un certame de cinema afeccionado creado polos entusiastas socios do Liceo de Vilagarcía, foise consolidando como un dos festivais de máis prestixio do estado.
4Participación CIDADÁ
_Escribe o teu ALCALDE
_Regulamento de Particip.
_Queixas e Suxestións
Trámites Administrativos
  Municipais / No Municipais
»
4DÍA A DÍA
    Dic 2024  
L
M
X
J
V
S
D
           
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
         
Congreso Vai de Rúas 2022
P.X.O.M.
voluntariadogalego.org


[Inicio] [Información Turistica] [Trámites Administrativos] [Ordenanzas] [Taboleiro de anuncios] [Buzón de Suxestións]
[Novas Concello] [Axenda Cultural] [Revista Municipal] [Plan Xeral de Urbanismo] [Vilagarcía en cifras]
[Gabinete de Comunicación] [Postales] [Mapa e Rueiro] [Enlaces] [Contacto]

© 2024. Concello de Vilagarcía de Arousa
Praza Ravella, n° 1. 36000 - Vilagarcía de Arousa
- Aviso Legal - Créditos -