EMPREGO
O Concello solicita a contratación de 34 desempregados a través do POS 2017 da Deputación A Xunta local de Goberno acordou onte solicitar á Deputación Provincial de Pontevedra a contratación de 34 traballadores desempregados con cargo aos fondos do Plan de Obras e Servizos 2017. A proposta da Área de Promoción Económica e Emprego do Concello prevé que as contratacións sexan a xornada completa e por un período de 8 meses. A subvención solicitada ascende a 314.331 euros que se financiarán a través da liña do POS relativa ao Fomento de Emprego para a conservación e o funcionamento de bens e servizos municipais. O Concello aportaría 25.823 euros a maiores.
14.02.2017.- A proposta do Concello aínda ten que ser aprobada pola Deputación. Unha vez superado este trámite, o Concello remitirá unha oferta ao Servizo Público de Emprego (antigo INEM), que será o organismo encargado de preseleccionar aos aspirantes entre as persoas desempregadas inscritas nas súas listas de demandantes de emprego cos perfís solicitados.
As 34 ocupacións que demanda o Concello repártense do seguinte xeito:
• 3 Empregados Administrativos en xeral (Ciclo Medio FP Xestión Administrativa). • 1 Monitor e/ou Animador deportivo (Ciclo Superior de FP/TAFAD). • 10 Axudantes Albaneis. • 4 Peóns forestais. • 2 Pintores e/ou empapeladores. • 4 Instaladores electricistas. • 1 Axudante auxiliar Carpinteiro. • 1 Auxiliar Fontaneiro. • 1 Soldador para arco eléctrico en xeral. • 4 Traballadores de Conservación de parques urbanos, xardíns históricos e botánicos. • 1 Peón sepultureiro. • 1 Axudante mantedor de instalacións deportivas . • 1 Xestor Administrativo Técnico Medio (Diplomado en Dirección e Xestión Pública ou Empresariais ou Económicas).
Contratos de 8 meses para colectivos con especiais dificultades de reinserción
Os contratos realizados a través deste plan provincial de emprego terán unha duración de 8 meses. Á hora de seleccionar entre candidatos que reúnan o perfil profesional, terán preferencia as vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, membros de familias monoparental con fillos ao seu cargo, persoas cos niveis de renda máis baixos e persoas con cargas familiares.