CULTURA
O Auditorio tamén accede ás axudas da Deputación para gastos correntes O Auditorio Municipal de Vilagarcía disporá este ano dunha axuda provincial para contribuír a financiar o custe da factura eléctrica das instalacións sitas na Avenida na Mariña. A Deputación Provincial de Pontevedra aprobou na Xunta de Goberno do 3 de xuño conceder a subvención solicitada a tal efecto pola Concellería de Cultura a través da liña 2 do Plan de Obras e servizos (Plan Concellos) 2016.
30.06.2016.- A axuda solicitada enmárcase na liña da convocatoria destinada a sufragar gasto corrente novo que as administracións locais realicen ao longo do presente exercicio 2016. Neste caso, a Concellería de Cultura recibirá unha axuda de 18.000 euros que aliviarán o gasto de subministro eléctrico do Auditorio, orzamentado en 31.785 euros.
O pasado mes de maio, o organismo provincial xa aprobara outras axudas para o Concello de Vilagarcía a través desta liña 2 do POS 2016. En concreto concedéronse 18.181 euros ao Conservatorio Profesional de Música para gastos de funcionamento do centro educativo, outros 6.000 euros para gasto eléctrico de instalacións deportivas da Fundación Municipal de Deportes e 9.500 euros para que a Escola Municipal de Música sufrague os gastos de limpeza.