CULTURA
Uxío López amosa na sala Rivas Briones os “Xeitos diferentes de arrincar a pel” O pintor vilagarciá Uxío López regresa a sala de Exposicións Antón Rivas Briones cunha exposición moi persoal na que se abre ao espectador para ensinar as diversas técnicas e materiais que utiliza para crear as súa sobras, ou o que é o mesmo, para expresar as súas ideas, os seus sentimentos, a súa visión do mundo. En “Xeitos diferentes de arrincar a pel” Uxío recompila obras realizadas nos últimos anos, en diversos formatos e sobre diferentes soportes coa orixinalidade de reunir cadros de pequeno formato que teñen sentido individualmente, para compoñer unha obra de gran formato que, no seu conxunto, ten unha identidade e vida propia e diferente as pezas que o forman.
16.06.2017.- A exposición inclúe obras de pequeno, mediano e gran formato feitas sobre soportes variados que van dende o lenzo ou tea, tratada e sen tratar, aos diferentes tipos de papel (de debuxo,de estraza ou de arroz) e mesmo fotogramas de películas e vidro.
No que a estilos, se refire, Uxío móvese á perfección no expresionismo abstracto que, nalgúns casos, achega cara a figuración, sobre todo en obras na que a paisaxe é a protagonista.
“Xeitos diferentes de arrincar a pel” é a terceira exposición individual de Uxío na Rivas Briones, espazo do que el foi un dos principais promotores e que el mesmo inaugurou no ano 2000 coa primeira exposición que acolleu a sala reservada aos autores locais de maior nivel e prestixio.
A mostra, que ocupa o baixo e o primeiro andar da sala, poderá visitarse ata o 28 de xullo.