CONCELLO
Concello e comuneiros de Bamio pechan o acordo para trasladar o transformador de O Casal A colaboración entre o Concello de Vilagarcía e a Comunidades de Montes de Bamio permitirá resolver a antiga demanda de renovación e traslado do transformador eléctrico do Casal e tamén fai posible a recuperación do merendeiro do Pedroso e a creación dun parque infantil na praia do Campanario. Para poder levar a cabo estras actuacións, os comuneiros cederon ao Concello o uso de tres espazos da súa propiedade e o Concello encargarase de realizar as obras e de facer as xestións oportunas ante outros organismo implicados.
03.08.2017.- A Xunta Local de Goberno tomou coñecemento na reunión desta semana do acordo da Comunidade de Montes de Bamio a través do cal ceden ao Concello o uso destas tres parcelas coa finalidade de que se acometan as actuacións antes sinaladas.
O concelleiro de Obras, Lino Mouriño, foi o encargado de negociar cos comuneiros e de pechar un acordo que resultará beneficioso para todos os veciños de Bamio. O primeiro, porque resolve o problema do transformador de Fenosa existente nunha finca privada cuxo propietario leva anos requirido o seu traslado. Ademais, a instalación a través da que se subministra de electricidade ao núcleo do casal, quedou obsoleta e se atopa en mal estado, polo que é preciso a súa substitución por unha nova máis potente e segura.
O Concello xa fixo as xestións oportunas ante Fenosa que, como resultado xa ten orzamentado para este ano o desmontaxe do vello transformador e a instalación dun máis moderno no novo emprazamento. A compañía estaba á espera de que se completase os trámites da cesión da parcela para levar a cabo os traballos que previsiblemente se executarán antes de que remate o ano.
A segunda das cesións afecta a uns terreos situados nas proximidades da antiga escola unitaria do Pedroso nos que hai anos se instalaran uns bancos e unhas mesas a modo de merendeiro. Este espazo leva tempo abandonado e coa cesión, o Concello encargarase do seu acondicionamento e mellora para dotar aos veciños de Bamio nun lugar de esparexemento público en condicións.
Por último, os comuneiros ceden o uso dunha parcela á beira da praia do campanario co obxectivo de que o Concello habilite nela un parque infantil. O goberno local comprometeuse a asumir a actuación, pero antes deberá obter o permiso de Costas.